Culturgal volve á acción lucindo o músculo dun sector á alza

O evento ofrecerá máis de 100 actividades centradas nas distintas ramas da cultura galega 
Espazo do Libro. DAVID FREIRE
photo_camera Espazo do Libro en culturgal. DAVID FREIRE

O Culturgal volveu a abrir as súas portas. Tras a xornada profesional de Promoción Escénica e Musical de Galicia deste xoves, este venres o Recinto Feiral e o Pazo da Cultura recibiron con agarimo a todas as persoas desexosas de empaparse da cultura da 15º edición do festival. Un evento que, este ano, conta a súa disposición con máis de 100 stands. Unha cifra que, ademais, foi superada tamén no tocante ás actividades que ofrece o festival: as charlas, os coloquios, a arte, o cinema, a danza ou os concertos retornaron con forza a unha cita na que a cultura galega volve a ter o seu epicentro na cidade de Pontevedra.

"Mañá celebramos un aniversario. É a decimoquinta edición do Culturgal. E, despois de quince anos, este proxecto está xa consolidado. É un proxecto sólido, asentado nos alicerces da cultura de Galicia", declarou o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, na inauguración do evento. ao longo do último ano: no tocante ao emprego, as cifras ascenden a 35.400 traballadores na totalidade de Galicia e 1.400 novas filiciacións á Seguridade Social entre agosto do 2021 e o propio mes do ano actual. Amais, o gasto do público no sector cultural ascendeu en 43 millóns con respecto ao ano pasado, chegando aos 400 millóns totais. A recuperación tamén se estende á creación de empresas culturais, que superou a centena.

Zona dedicada a escultura. DP
Zona dedicada a escultura. DP

A concelleira de Cultura de Pontevedra, Carme Fouces, tamén estivo presenta na inauguración. E non dubidou á hora de facer énfase na importancia do evento para a cultura de Galicia: "Que sería deste país sen o Culturgal. Que sería de nós sen poder asistir ao ritual anual de perdernos por estes corredores e quedar coa boca aberta ao ver a cultura e a innovación que somos capaces de despregar", comezou dicindo nunha intervención que posteriormente pasou a centrarse na reivindicación da necesidade de orzamentos cara este tipo de iniciativas: "Entre todos e todas as institucións que estamos implicadas, e os espónsores que se poidan sumar, hai que facer un esforzo no orzamento e hai que impulsar o proxecto despois destes quince anos. Hai que rascarse un pouco máis o bolsillo. Dígoo polo Concello de Pontevedra, pero tamén polo resto das institucións que estamos ao redor. Temos que sentarnos e dimensionar como e debida esta feira, porque creo que o merece".

A concelleira, por outra banda, tamén quixo facer fincapé nunha das novidades deste ano, o espazo de colaboración de encontro dos profesionais: "Creo que é un acerto. O público encaixa moi ben no Culturgal, pero os profesionais necesitan ter os seus propios espazos e creo que está moi ben pensado facer ese traballo. Ánimo e parabéns".

Un espazo de culturgal. DAVID FREIRE
Un espazo de culturgal. DAVID FREIRE

Fouces, a súa vez, tamén fixo referencia a outra das novidades deste ano, a presenza da danza na oferta cultural do evento: "Tamén está moi ben pensado facer un espazo para darlle impulso á danza, unha das artes escénicas que quizais necesitan abrirse máis camiño".

O presidente de Culturgal, Víctor López, foi a outra das personalidades que participou neste acto de inauguración do festival, o que abría as portas a todos os públicos. López desfíxose en agradecementos para todos os axentes implicados no éxito do evento. Un agradecemento que viaxou desde a Xunta de Galicia –principal patrocinador–, o Concello de Pontevedra, -anfitrión- e as Deputacións de Pontevedra e A Coruña ata a Asociación Galega de Editoras, a Asociación Galega de Empresas Musicais, a Escena Galega, a Asociación Galega de Produtoras Independentes e a Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet.

Amais, López tamén quixo estender ese agradecemento a todos os traballadores que fan posible que o Culturgal saia adiante: comunicación, montaxe, produción ou rexidores recibiron, así, os eloxios do presidente do evento. "Calquera que estivera traballando na produción ou na organización dun evento desta magnitude sabe que hai centos de persoas que están traballando como formiguiñas para que isto saia ben. E por sorte todo sae ben, pero non só por sorte: tamén polo seu esforzo".

Para pechar a súa intervención, Víctor López as súas últimas verbas a un público ao que lle desexa a mellor das experiencias: "Agardámosvos aquí. E agardamos que gocedes, que compartodos todos estes bos momentos e que teñamos outros quince anos máis de Culturgal. Longa vida ao Culturgal!", sentenciou para rematar o seu discurso.

Repetindo horario co día anterior, as portas do festival volverán a estar abertas desde as once da mañá ata as nove da noite. E mañá, a súa vez, o horario reiterará na súa apertura, mais pechará unha hora antes.

Comentarios