Culturgal volve a Pontevedra do 26 ao 28 de novembro e recupera a presencialidade

A 14ª edición da feira manterá tamén a versión online mediante a canle Culturgal TV para chegar aos públicos da diáspora
Presentación de Culturgal 2021 no Hall do Auditorio do Pazo da Cultura. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Presentación de Culturgal 2021 no Hall do Auditorio do Pazo da Cultura. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Xa está a disposición do público toda a programación de Culturgal 2021. Na mañá deste venres, en conferencia de prensa, a organización da Feira explicaba os obxectivos, liñas xerais e accións destacadas dentro desta décimo cuarta edición de Culturgal, que se celebra do 26 ao 28 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra.

Será unha Culturgal "para reencontrarnos", en palabras dos seus promotores, na que cada vez adquiren maior protagonismo aquelas propostas culturais que encaran o futuro en torno á accesibilidade, igualdade, inclusión e sustentabilidade. Todo o programa está dispoñible en cultur.gal, o mesmo que as entradas anticipadas para a Feira, a prezos populares.

Presentación de Culturgal 2021 no Hall do Auditorio do Pazo da Cultura. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Xunto a Víctor López, presidente de Culturgal e Xosé Aldea, director da Feira, participaron na presentación Victoria Alonso, deputada de Cultura da Deputación de Pontevedra, Jacobo Sutil, director da AGADIC da Xunta de Galicia, e Carme Fouces, concelleira de Cultura do Concello de Pontevedra.

O presidente da Culturgal, insistiu na palabra reencontro e recuperación á hora de presentar esta décimo cuarta edición da Feira. "A reserva completa do espazo feiral, a afluencia de propostas que chegaron para construir a programación, o ritmo de venda das entradas da feira, etc., fannos pensar que hai moitas ganas de Culturgal. Así o comentabamos a semana pasada en Madrid, convidados polo Ministerio de Cultura, que tivo a ben considerarnos un dos tres mellores proxectos de promoción cultural de todo o Estado. Alí falabamos de ser unha ferramenta útil para o mundo da cultura", sinalou.

119 stands, 80 empresas con presenza física e máis de 100 actividades vinculadas ao mundo do libro, da música, do cinema, das artes escénicas, da infancia e dos profesionais

En concreto, haberá cento dezanove stands, máis de oitenta empresas con presenza física e un programa de cen actividades vinculadas ao mundo do libro, da música, do cinema, das artes escénicas, da infancia e dos profesionais. E, tal como explicou Xosé Aldea, a feira presenta algún cambio formal neste 2021, como o que experimenta a primeira xornada, o venres 26 de novembro. "Nun ano tan complicado coma este e atendendo á nosa vontade de ser útiles, habilitamos esta xornada para a montaxe de stands, para que as empresas non se visen tan apuradas como outros anos para ter todo montado a primeira hora do venres. Así que non se poderá acceder ao recinto feiral o venres, pero teremos programación no Espazo Foro da Feira con entrada gratuíta", comentou esta mañá.

Presentación de Culturgal 2021 no Hall do Auditorio do Pazo da Cultura. JAVIER CERVERA-MERCADILLOO sábado 27 e domingo 28 a Feira abre todos os seus espazos desde as once da mañá ás nove da noite. A programación espállase por todo o Pazo da Cultura en diferentes escenarios: Foro, Libro, Infantil, Cinema e Auditorio, este último para teatro e música ao vivo. "O programa é amplísimo e de novo volve a concentrar as iniciativas máis novidosas e  punteiras en cada sector. O sector editorial, talismán da Feira, volve traernos a Pontevedra os grandes nomes da literatura, como Manuel Rivas, Ledicia Costas ou o Colectivo Rompente. Haberá música ao vivo a través de diferentes showcases e co espectáculo especial de Tanxugueiras, o domingo 28, que despiden xira en Culturgal con todas as entradas vendidas desde hai semanas. As artes escénicas chegan á Feira a través de diferentes propostas da man de Escena Galega, da función de Elefante Elegante con Dreaming Juliet o domingo 28 no Teatro Principal ou coa presentación da xira teatral de Fariña para 2022", comentou Aldea.

Como é marca da Culturgal, o público infantil e familiar terá moito que escoller durante o sábado 27 e o domingo 28, con propostas como a do CSIC Galicia de Ciencia á Feira ou a exposición de autómatas Kinétiko.

Ademais, Culturgal lanza nesta edición a Culturgal TV, unha tele cultural de fin de semana que, ademais de transmitir unha selección das actividades que terán lugar ao vivo en Pontevedra, incluirá produtos audiovisuais, entrevistas e reportaxes cos protagonistas da Feira. "Queremos chegar á xente que non pode vir, como é a ampla comunidade galega no exterior que está respondendo moi positivamente ao proxecto enviándonos videos e felicitacións", apunto Xosé Aldea.

Como novidade, a xornada do venres 26 será exclusiva para profesionais no Espazo Foro

DINAMIZACIÓN DO SECTOR E OPTIMISMO. A concelleira de Cultura, Carme Fouces, agradeceu "o patrocinio das institucións nun ano moi duro no que manter a cultura a flote foi complicado e é xusto parabenizarse por telo feito. Tamén quero parabenizar ao Culturgal polo recoñecemento do Ministerio de Cultura por algo que nós xa sabiamos, pero agora tamén saben en España: a súa labor de posta en valor da cultura. Nós, as institucions, temos o compromiso nos orzamentos dos proxímos anos de facer unha aposta real e prioritaria polos proxectos galegos que se van presentar na feira". 

Fouces tamén lembrou a nova era na que se atopa o Pazo, con cambios organizativos pero tamén melloras sustanciais nas infraestruturas  porque "esta é a casa do Culturgal, pero unha casa que precisa de arranxos".

Por outra banda, a concelleira pechou a súa intervención apuntando á importante dinamización do sector cultural na cidade e afirmado que "somos unha Cidade da Cultura".

Comentarios