Culturgal volve ser Culturgal

Os grandes nomes da escrita actual protagonizan a xornada central da Feira das Industrias Culturais, na que se entregou o premio Nortear e que rematou cunha "rave"
Tras a edIción online que a pandemia obrigou a celebrar o ano pasado, o eventorecuperou o seu formato habitual no Recinto Feiral. RAFA FARIÑA
photo_camera Tras a edIción online que a pandemia obrigou a celebrar o ano pasado, o eventorecuperou o seu formato habitual no Recinto Feiral. RAFA FARIÑA

A Feira das Industrias Culturais de Galicia, Culturgal, recuperou este sábado ao público como parte esencial da proposta, despois da paréntese que supuxo realizar unha edición online o ano pasado debido á pandemia. Centos de persoas visitaron este sábado, ao longo de todo o día, os stands da feira (arredor dun cento, segundo a organización), coñeceron as exposicións ou participaron nalgunha das actividades da programación (máis de cen durante toda a fin de semana).

A presenza de xente (que debe usar a máscara obrigatoriamente) foi constante ao longo de todo o día, pero non se chegaron a producir as aglomeracións doutras edicións. Si que algunha das propostas se encheu de público, como a de Little Neno descobre... os Beatles, da editorial A Reixa.

CULTURGAL Espazo Libro Conversa entre Manuel Rivas Ledicia Costas e Diego Ameixeiras

Precisamente o público familiar, ao que se dirixía ese espectáculo, foi o gran protagonista da xornada do sábado, na que tamén destacou a presenza dalgúns dos máis importantes autores e autoras da literatura galega actual. A editorial Xerais fixo coincidir a tres dos nomes máis importantes das letras de hoxe: Manuel Rivas, Ledicia Costas e Diego Ameixeiras. Editorial Elvira trouxo aos membros de Rompente (Antón Reixa, Alberto Avendaño e Manolo Romón) a presentar o seu último libro, Que hostia din os rumorosos?. Galaxia tamén presentou algunhas das súas principais novidades editoriais, entre elas, Aura 1964, de Ignacio Vilar, que inaugura a súa Colección Guión. Da man do mesmo selo tamén veu á feira outra supervendas galega, Arantza Portabales, que falou da súa última novela, A vida secreta de Úrsula Bas.

PORTUGAL. Como vén sendo habitual nas últimas edicións, Culturgal acolleu a entrega do Premio Literario Nortear, dirixido á mocidade escritora da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e convocado pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e pola Direção Regional de Cultura do Norte de Portugal. O escritor e xornalista Pedro Rodríguez Villar foi gañador desta sétima edición do galardón. De 24 anos e natural de Nigrán, o mozo dedicoulle o recoñecemento aos seus avós, Lano e Milda, seúdonimos cos que se presentou no concurso.

CULTURGAL Espazo Foro Entrega do VII Premio Literario Nortear a Pedro Rodriguez Villar

"Galicia e o Norte de Portugal só poden ser unha eurorrexión de cultura, de creación, talentos e artistas, de liberdade e tolerancia", sinalou na entrega do premio o presidente da Comunidade de Traballo da Eurorrexión, Antonio Cunha. "A cultura só pode estar no centro da nosa identidade, do noso branding territorial".

No ámbito literario, Culturgal tamén acolleu a presentación do novo selo editorial Rodolfo e Priscila, dos escritores Berta Dávila e Carlos Meixide, que debuta coa tradución realizada por Daniel Salgado de A poesía como arte insurxente, de Lawrence Ferlinghetti. Ademais, Xerais presentou a súa recompilación de cancións escritas por Xela Arias para o grupo Desertores. A edición e o prólogo desta obra correu a cargo da xornalista Teresa Cuíñas, e a súa presentación, este sábado, contou cun pequeno acústico dos propios Desertores.

Os patrocinadores da feira tamén aproveitaron a xornada para divulgar o seu traballo. A Xunta de Galicia presentou o seu bono cultural, avanzou as liñas de traballo de cara a 2022 e trouxo os videoxogos á feira cun coloquio onde se presentaron varios proxectos financiados a través do seu Hub Audiovisual. O Concello presentou, entre outras cousas, o Premio María Victoria Moreno. E a Deputación avanzou a súa programación cultural para 2022, centrada no audiovisual, no cumprimento da Axenda 2030 e coa igualdade como eixo transversal.

Funboa Escénica no Culturgal

O Auditorio acolleu cinco concertos, incluíndo a presentación do disco Calma, o primeiro en solitario do clarinetista Fernando Abreu coa colaboración do pianista Alberto Vilas. Tamén con música, en concreto cunha "rave" de Funboa Escénica no hall do Pazo da Cultura, rematou a xornada.

Axenda deste domingo
12.00 ► SALÓN DE ACTOS. Talía Teatro presenta A parábola do angazo.

12.00 ► AUDITORIO. Teatro del Andamio presenta A nova historia da cigarra e a formiga.

17.00 ► ESPAZO INFANTIL. Espectáculo inclusivo Diferentes diferenzas, con Silvia Penide e Natalia Navaza (intérprete de lingua de signos).

17.45 ► ESPAZO FORO. Presentación da xira de Fariña en 2022.

17.45 ► ESPAZO LIBRO. Cuarto de inverno presenta As mil vidas da colección infantil de Cuarto de inverno con Lorena Conde, Arancha Nogueira, Antonio García Teijeiro, Emma Pedreira e Tamara Andrés.

18.00 ► AUDITORIO. Concerto fin de xira de Tanxugueiras (espectáculo de pago; entradas esgotadas).

18.30 ► SALÓN DE ACTOS. Proxección de Cuñados e coloquio co equipo do filme.

Comentarios