Curtas distinguidas nos Oscar, Cannes, Berlín ou Venecia chegan ao FICBueu

Este luns arranca a Sección oficial, na que participan 28 películas de 21 países
Un intre da edición do FICBueu de 2022. DP
photo_camera Un intre da edición do FICBueu de 2022. DP

Arranca a Sección Oficial do FICBueu 2023. O Festival Internacional de Cinema de Bueu presenta dende hoxe e ata o sábado 16 unha escolma da mellor produción de curtametraxes realizada durante o pasado ano en todo o mundo, así como as novas tendencias de creación cinematográfica e cinema autoral. O público que se achegue ata o Auditorio do Centro Social do Mar de Bueu poderá descubrir nesta edición do certame 28 curtametraxes procedentes de 21 países, que se irán proxectando cada día en dúas sesións (19.30 e 21.30 horas) e cun coloquio con cineastas entre ambas.

As curtametraxes participantes foron elixidas entre preto de 3.000 cintas chegadas do mundo enteiro. "Queremos amosar relatos audiovisuais de calidade que dean a coñecer novas perspectivas autorais, novas formas de contar", explica o co-director do FICBueu Manuel Pena. "O FICBueu trata de ser unha ventá dende a que cada ano poidamos coñecer as novas tendencias das linguaxes cinematográficas", destaca Pena.

Na xornada de hoxe tamén se presentará a I Residencia FICBueu, un programa formativo destinado a desenvolver curtametraxes aínda sen realizar, centrándose especialmente no traballo de guión. Durante a presentación, coñeceranse as curtas seleccionadas para a primeira edición da Residencia, que terá lugar na Illa de Ons, do 9 ao 15 de outubro, e contará coa titorización da galardoada guionista Isabel Peña.

Co inicio da sección oficial do festival bueués comeza tamén Cinema e Radio", actividade que traerá ata o vindeiro venres cinco dos mellores podcasts de radio especializados en cinema que se emiten no país. Realizaranse en vivo e con público dende o Centro Social do Mar de Bueu, como a maioría das actividades do evento, e abrirá este espazo radiofónico Café Derby 21, podcast conversacional presentado e realizado polos xornalistas Adrián Lede, Carme D. Prol e Nico Carreira (18.00 horas).

Comentarios