CXG propón un clúster das artes e do deseño na vella sede de Hacienda

No centro incluiríanse obradoiros, postos de traballo e puntos de axuda ao emprendemento e tamén de asesoramento xurídico e fiscal

Núñez Rajoy e outros membros da candidatura de CxG, frente ao antigo edificio de Hacienda. CEDIDA
photo_camera Núñez Rajoy e outros membros da candidatura de CxG, frente ao antigo edificio de Hacienda. CEDIDA

Compromiso por Galicia aposta por entroncar na identidade de Pontevedra as claves "para un futuro económico próspero" coa creación dun clúster empresarial das artes e do deseño.

O partido reivindica o pasado e aposta pola creatividade como uns dos principais valores da cidade. Desde a historia dos grandes canteiros pasando polas pensións da arte da Deputación ata a Bienal ou a Facultade de Belas artes, Publicidade e Comunicación Audiovisual, a Escola de Moda, a Escola de Canteiros ou a Escola de Forestais ou Restauración. "Cremos que Pontevedra pode ter na arte, a creatividade e o deseño un dos seus principais motores económicos e empresariais. Apostamos por que a creación artística e o deseño, en todas a as súas especialidades, sexan capaces de artellar un modelo económico hoxe inexistente pola pasividade e desidia do Goberno municipal e doutras administracións", afirmou o candidato de CxG á Alcaldía de Pontevedra, Andrés Núñez Rajoy, "un modelo que xunte a economía de servizos da creatividade cunha economía da arte, da moda, o moble e madeira e a publicidade..., que nos permita deixar de ser permanentemente unha das cidades con máis altos niveis de desemprego de Galicia".

Segundo engadiu, o clúster sería "unha busca da mellora da competitividade e da multiplicación de novos proxectos empresariais na cidade" e tería a súa sede no antigo edificio de Hacienda.

Neste novo centro incluiríanse obradoiros e postos para traballar, ademáis de puntos de axuda ao emprendemento e asesoramento xurídico e fiscal. A proposta considera que a adhesión das administracións e a universidade "sería positiva, agrupando e atraendo a Pontevedra diferentes empresas, facilitando os espazos para a súa implantación e orientando a súa cooperación conxunta", dixo.

Comentarios