Lunes. 27.05.2019 |
El tiempo
Lunes. 27.05.2019
El tiempo

Da loita biolóxica contra á velutina á comunicación mediante prendas téxtiles

Galiciencia bate o récord de proxectos presentados ▶ Entre os centros elixidos figuran os IES A Xunqueira I e II, o Sek Atlántico, os CPI Domingo Fontán e Mosteiro-Meis e o Santiago Apóstol de Soutomaior

Un sistema de acendido intelixente para coches que se bloquea se o condutor está bébedo, unha cadea de comida rápida saudable, un invernadoiro de patacas para astronautas, un sistema ecolóxico de loita contra a avespa velutina, un casco con luces LED para evitar atropelos de ciclistas e bioplásticos de orixe orgánica son algúns exemplos dos proxectos que participarán na Galiciencia 2019, que contará con representación pontevedresa.

A décimo cuarta edición da maior feira científica de Galicia, que se celebrará entre o 8 e 10 de maio no recinto do Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole, en San Cibrao das Viñas (Ourense), ten a saúde e os bos hábitos como temas principais. Este ano rexistrou un récord absoluto de proxectos candidatos a participar, segundo destacou este martes a organización nun comunicado. Os 50 stands dispoñibles para os traballos de Secundaria e Bacharelato que competirán polo premio final foron disputados por 134 equipos. Ata este ano, o número máximo de propostas recibidas fora de 83. Como xa vén sendo habitual nos últimos anos, a estes uniranse 30 proxectos de Primaria fóra de competitición.

A maior feira científica de Galicia celebrarase entre o 8 e o 10 de maio no recinto da Tecnópole, en San Cibrao das Viñas (Ourense)

Da cidade do Lérez acudirán dous institutos. O IES A Xunqueira I presentará o proxecto ECOmestible, dos alumnos Diego González Gey e Rosa María Pereira Vogt, titorizados por Mónica Prado. A idea é analizar "se é posible autoabastecerse de certos alimentos indispensables na cociña de maneira económica", para o que puxeron en marcha un horto ecolóxico no balcón e probaron a elaborar iogur e pan ecolóxicos.

O IES A Xunqueira II participará por partida dobre: Proxecto Sanote (de Zoe Campos Gómez e Itziar Dopazo González e a docente Raquel Gey) pretende descubrir se mudando o estilo de vida adolescente a outro máis saudable mellorarán os resultados académicos, mentres que ComunicaTEX (María Buceta Paz e María Seoane Cortés, coa mestras Patricia Seijas) dá nome a unha investigación que quere demostrar que se pode axudar a persoas con diversidade funcional a comunicarse utilizando materiais e-téxtil ou wereables (prendas de roupa con elementos electrónicos).

O colexio SEK-Atlántico, de Poio, tamén presentará dous proxectos. Health&So: cadea de comida rápida (Roi Santos Pontevedra e Sofía Prieto Barros, titorizados por Vanesa Rey), consiste nunha aplicación que crea e encarga un menú axeitado ás necesidades nutricionais de cada cliente, sempre con comida rápida saudable e orgánica. Nuno Sinde Fernández e Ana e Pedro Fernández Vázquez, coa docente María José Machicote, presentan un traballo para loitar bioloxicamente contra a vespa velutina mediante un controlador natural, o Cordyceps militaris, que podería inocularse nos niños desta especie invasora para reducir a súa poboación evitando o uso de insecticidas.

En Galiciencia participará tamén o CPI Domingo Fontán, de Portas, co proxecto Cosmeticum (Nayara Vázquez Fojo e Alexia Santos Piñeiro, coa mestra María Estraviz), que consiste na elaboración de cosmética caseira con ingredientes autóctonos, sen conservantes nin colorantes, en envases reciclables.

O CPI Mosteiro-Meis, pola súa banda, participará coa investigación Dóeche o lombo... Non será a mochila?, elaborada por Brais Abal Señoráns e Borja Rodiño Castro, titorizados por Camilo Ojea, que analizou a porcentaxe do alumnado da ESO que sobrepasa o límite do peso recomendado na súa equipaxe escolar.

A medicina é o alimento? é o título do proxecto co que concurrirá o CPR Santiago Apóstol de Soutomaior, a cargo dos estudantes Manuel Bouzón Campos e Uxía López Míguez, coa docente María Malvesada. Consiste en relacionar o consumo de productos ultraprocesados co exceso de peso ou a obesidade na xuventude.

PREMIOS. Os participantes na competición de proxectos da Galiciencia buscarán situarse entre os tres finalistas. O que consiga a maior puntuación levará o primeiro premio, dotado con 1.000 euros para financiar a participación na maior feira científica a nivel estatal, a Exporecerca 2020. Os vencedores da edición anterior da Galiciencia, do IES San Rosendo de Mondoñedo (Lugo), volveron o mes pasado de Cataluña co primeiro premio na feira catalá, o que á súa vez os levará a representar a España no certame internacional que terá lugar en Abu Dabi, nos Emiratos Árabes.

O segundo equipo clasificado recibirá apoio económico para participar na Zientzia Azoka, a feira anual de ciencia que ten lugar cada ano en Bilbao. O equipo gañador do terceiro recibirá apoio para participar no programa de actividades organizados polos Museos Científicos Coruñeses.

Da loita biolóxica contra á velutina á comunicación mediante...
Comentarios