Da prevención de incendios á agricultura sintrópica: as múltiples saídas de Forestais

A delegación de estudantado organiza unha semana de conferencias e talleres
photo_camera Jaime Otero durante a súa conferencia este luns en Forestais. DUVI

Que é a agricultura sintrópica? "Digamos que é unha fusión de coñecemento indíxena ancestral cunha visión occidental, que nos axuda a entender os procesos da natureza desde unha perspectiva non darwininana, na que os piares das relacións entre os seres vivos baséanse na cooperación e non na competición". Así o explicou, en declaracións ao Duvi, Jaime Otero, que nos últimos meses percorreu a Península nunha caravana co propósito de coñecer proxectos agrícolas alternativos e "diseminar" o concepto. No seu periplo estivo na Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra, onde este luns deu inicio a Semana Forestal 2023, un ciclo de coloquios e talleres promovido pola delegación de estudantado da escola que ten como obxectivo amosar ao alumnado do centro algunhas das posibilidades profesionais que terán unha vez rematen os seus estudos.

Partindo do proxecto Dispersor, que desenvolve en Viveiro, e das ideas que recolleu no libro Agricultura sintrópica según Ernest Götsch, Otero avoga por "xerar agroecosistemas que rexeneran a paisaxe e o ecosistema", á vez que producen alimentos, en contraposición a "modelos baseados no extractivismo e a produción".

Diferentes empresas, profesionais e colectivos participan ata este mércores nun ciclo dirixido a que "o alumnado coñeza o sector, como traballan as empresas, cales son as tendencias actuais....", como sinala o representante da delegación Carlos Peco. "Hai charlas máis orientadas á conservación de espazos ou á xestión de áreas protexidas e outras máis centradas na rama industrial da carreira ou nas explotacións forestais". Os coloquios buscan combinar a abordaxe de aspectos técnicos coa orientación laboral.

A Semana Forestal precede á celebración, o vindeiro xoves, do patrón da escola, San Leandro e está conformada por unha serie coloquios e talleres abertos ao público, que a delegación de estudantes promoveu coa colaboración do profesorado e alumnado da escola. De feito, nestes días todas as clases son substituídas por estas charlas divulgativas.

Extinción de lumes

Na primeira xornada tamén participaron un axente medioambiental da Xunta de Galicia,  Iván González, e varios axentes forestais e medioambientais expertos na prevención e extinción de incendios, da asociación Aprafoga. Completou o programa un relatorio do enxeñeiro técnico forestal Enrique Fandiño sobre o traballo que realizan con fungos medicinais na empresa Hifas da Terra

O programa deste martes contará coa participación de Ovidio Queiruga, presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Baroña (Porto do Son), que afondará nos labores dunha comunidade "que se caracteriza por unha gran diversidade de aproveitamentos, como o uso de gando, un couto micolóxico, a obtención de resina e a enerxía eólica", lembra Peco. A continuación, o alumnado achegarase aos procesos de traballo en Finsa, nun coloquio no que participarán "sete empregados da empresa, varios deles exalumnos da escola", que contarán a súa experiencia profesional. Completan esta xornada un coloquio sobre a explotación de porco celta baseada no silvopastoreo que Martín Touceda  creou no municipio ourensán de Cenlle e un relatorio sobre o traballo da empresa pública Seaga no ámbito dos "proxectos medioambientais e labores de conservación".

Apicultura, drons e extracción de resina

A programación deste mércores deterase nas aplicacións dos drons nos sectores agrícola e forestal, da man de David Blanco, de Beniu Soluciones, para logo coñecer a experiencia do egresado Fran Abilleira como autónomo e responsable da consultora Abifor.

Julio Ruiz Cagigal presentará os ámbitos de traballo da Asociación Forestal de Galicia, mentres que David Liñares afondará no seu traballo como apicultor.

Durante estes tres días, as conferencias veranse complementadas polos talleres, como o que este luns puxo o foco na "entobotánica e nos aproveitamentos tradicionais dos montes". Os investigadores do Centro de Investigación Forestal de Lourizán Alberto García e Enrique Pereira ofrecerán este martes un obradoiro sobre innovación na extracción de resina, a única actividade que require de inscrición previa, a través do correo [email protected].

O alumnado poderá iniciarse o mércores no manexo dunha procesadora e dun autocargador grazas á un simulador de realidade virtual cedido pola Axencia Galega da Industria Forestal, así como probar un simulador da Federación Galega de Caza

Tras estas tres xornadas, a Semana Forestal complétase o xoves coa celebración de San Leandro, con actividades de carácter lúdico, como un concerto do grupo Sete Cuncas.

Comentarios