Da Silva: "As caras de alegría da xente foron o resumo perfecto das festas do verán"

O Concello de Pontevedra traballa xa nas actividades do ano que vén despois dunha programación estival na que pasaron pola capital máis de 2.000 artistas e técnicos de distintas disciplinas
Público nun dos espectáculos medievais dunha pasada Feira Franca. RAFA FARIÑA
photo_camera Público nun dos espectáculos medievais da pasada Feira Franca. RAFA FARIÑA

"Acabou a programación de verán e comezou a chover". A concelleira de Festas, Carme da Silva, amosou este luns a súa satisfacción polo devir do Verán Cultural de Pontevedra. "As caras de alegría e felicidade da xente foron o resumo perfecto das festas do verán. Era o pago que queriamos. Foi un verán moi bonito", destacou.

O Concello, que traballa xa na programación do ano que vén, despide o período estival no que houbo 144 concertos, 15 proxeccións, 20 orquestras nas distintas verbenas, 15 espectáculos infantís, catro pirotécnicos, 140 pasarrúas e 22 actividades distintas de disciplinas como a música, o cine, o teatro, os monólogos, a maxia ou o circo.

Segundo datos facilitados polo Goberno local, máis de 2.000 artistas e técnicos pasaron por Pontevedra entre xuño e setembro, é dicir, entre o festival Surfing the Lérez e a Feira Franca. "Foi un verán sen parada", subliñou.

A Concellería de Festas asegura que o Verán Cultural de Pontevedra se pechou "sen ningún incidente reseñable"

O "colofón" da campaña estival foi a Feira Franca, que puido celebrarse dous anos despois de que as restricións da pandemia do coronavirus impediran organizala. Da Silva lembrou o "cariño" da cidadanía por este evento. "Comprobouse un ano máis que segue a haber moito cariño por coidar esta festa que é moi fráxil e que, se non se coida, pódese deteriorar", dixo.

A vixéximo primeira edición da Feira Franca organizouse "sen fallos" na infraestrutura, nomeadamente nas mesas que tanto particulares como locais de hostelería instalaron no casco vello. O Concello autorizou 183 montaxes deste tipo. "Houbo 25 grupos novos que instalaban mesas por primeira vez. O coidado e o esmero da xente notouse. Había mesas que eran auténticas xoais", afirmou.

Da Silva destaca o "cariño" pola Feira Franca, unha festa que "se non se coida pódese deteriorar": "Había mesas que eran auténticas xoais"

SEGURIDADE. A programación cultural remata na capital das Rías Baixas "sen ningunha incidencia reseñable en todo o verán". Así o indicou este luns a concelleira de Festas, Carme da Silva, que mencionou que as únicas intervencións dos servizos de emerxencias en eventos como o da Feira Franca foron de carácter "menor".

"Houbo dous traslados a centros sanitarios e algunha intoxicación etílica", informou.

Comentarios