viernes. 25.09.2020 |
El tiempo
viernes. 25.09.2020
El tiempo

"O Plan Municipal de Emerxencias quedou desfasado; temos que melloralo bastante"

Daniel Macenlle Díaz, director xeral de Protección Cidadá. DP
Daniel Macenlle Díaz, director xeral de Protección Cidadá. DP
Ligado á administración dende os 23 anos, empezou en Moaña como policía local, con 25 anos era xa o xefe, ascendeu a sarxento e en 2005 veu destinado a Pontevedra para dirixir o Corpo municipal. En xaneiro colleu unha excedencia para facerse cargo da Dirección Xeral de Protección Cidadá e xa ten claros os seus primeiros obxectivos

recoñece que en Moaña estaba cómodo, dominaba a situación, pero xa empezaba a ter demasiado tempo libre. Por iso, cando tivo a ocasión de vir a Pontevedra para facerse cargo da Policía Local non o pensou, malia que iso supuxera case empezar de cero pero ós 46 anos e co cambio que supoñía dirixir unha plantilla de 22 persoas a outra de cento e pico.

"Agora teño 62 anos e volver a empezar de cero mantenme vivo. Podería estar xa xubilado, pero non me gusta apalancarme. Gústame o que fago e gústame o proxecto desta cidade. Ter o privilexio de poder aportar para que isto siga avanzando, paréceme moi atractivo". Daniel Macenlle (Moaña, 1958) aborda ilusionado o novo desafío que vén de asumir: coordinar e dirixir todos os servizos de emerxencia do Concello.

En qué consiste o seu cargo?
Estou baixo a dirección da concelleira da área, que é Eva Villaverde. A miña función consiste en dirixir e coordinar os servizos de emerxencia, principalmente Policía Local e Bombeiros, pero tamén Protección Civil (que fai unha labor espectacular) e servicios municipais como xardíns, auga, limpeza viaria... O obxectivo é que funcionen da mellor maneira posible e que operen como unha unidade cando teñan que intervir conxuntamente. Na área das emerxencias é moi importante que os dous servizos estean ben coordinados e iso hai que coordinalo moi ben.

Permítame o paralelismo: vostede sería coma a cabeza dun polbo que ten moitos tentáculos...
Así é, activando un ou outro en cada momento, segundo as necesidades.

Competencias
"Organizo os servizos municipais segundo as directrices da concelleira, non son o xefe da Policía Local nin de Bombeiros"

Cal sería o protocolo de actuación máis axeitado?
Primeiro hai que analizar a natureza da emerxencia. Por exemplo, cando hai unha alerta de temporal, evalúanse os riscos que se poden ocasionar e en base a eles, ordenamos unha serie de medios para darlles resposta.

En que estado se atopa o Plan de Emerxencias Municipal?
Hai que actualizalo. Inaugurouse en 2005, tivo varias modificacións pero agora quedou desfasado e require dunha actualización máis profunda. Porque o Plan é un marco para todos os actores nunha catástrofe, pero aparte diso hai plans específicos (inundacións, incendios, accidentes...) e nese sentido, faltan algúns que temos que incorporar.

Cales son as grandes eivas que ten Pontevedra en materia de seguridade?
Unha delas é, precisamente, o Plan de Emerxencias. Témolo, pero hai que melloralo bastante. Temos que dinamizar aínda máis a Xunta Local de Protección Civil, intensificar as reunións, facer simulacros...

Ata onde chegan as súas funcións e ata ónde as dos xefes da Policía Local e de Bombeiros?
A concelleira é a que da as directrices do Goberno local sobre como quere que funcionen eses servizos. En base a elas, eu elaboro programas e obxectivos, e os xefes de Policía Local e Bombeiros encárganse de concretalos con accións específicas. Por tanto, a Dirección Xeral da directrices xerais, pero como se fan, os servizos e a organización é cousa de cada responsable. Vamos, que o director xeral non é o xefe da Policía Local nin de Bombeiros.

Vixiancia
"Ence-Elnosa conleva un risco a ter en conta pola súa actividade, pero tamén o resto da industria, os ríos, o tráfico da AP-9..."

Ten clara xa algunha parcela que precise unha mellora urxente?
Sí, hai cousas que son urxentes. Por exemplo, o catálogo de recursos –que é básico en todo isto- hai que actualizalo, porque hai algúns que xa desapareceron e tamén apareceron outros novos. Tamén hai plans específicos que se deben activar. Por exemplo, agora estamos traballando nun contra as secas. E tamén hai que protocolarizar actuacións xa coñecidas pero que necesitan mellorarse. Porque todos os que interveñen nunha emerxencia saben o que teñen que facer, pero do que se trata é de resolvela da mellor maneira posible. E para iso hai que telo escrito e ensaiado.

En que medida o modelo de cidade de Pontevedra facilita as cousas?
É evidente. Lembro a polémica que houbera no seu momento cando se dicía que os Bombeiros non entraban no centro histórico. Digo eu que será máis doado entrar agora, que xa non hai practicamente coches, que hai 20 anos, con circulación en dobre sentido e coches en triple fila. En termos de mobilidade, excluir unha gran cantidade dos coches permitíu que o espazo público esté para os cidadáns pero tamén para os servizos de emerxencias. E en termos de seguridade vial, temos que intervir moitísimo menos, porque apenas hai accidentes graves.

En ocasións tildouse ó complexo Ence-Elnosa coma o gran polvorín de Pontevedra. Hai algo de certo ou é outra lenda urbá?
Non só hai unha referencia expresa ó complexo no Plan Municipal de Emerxencias, senón que a empresa ten un plan específico pola actividade que tén e as materias que emprega, que hai que ter moi ben controladas. Aínda esta semana chegoume unha nova actualización, con máis de 300 páxinas. Calquera industria sempre ten unha serie de riscos que temos que vixiar, por exemplo, con toda a actividade que se fai no Campiño. Pero tamén temos outras frontes que acaparan a nosa atención, por ser un foco constante de riscos, como os ríos da cidade, a AP-9 (con todo o seu tráfico de mercancías perigosas), a empresa de Eiras, o embalse do Pontillón...

"Madrileñofobia? Todos debemos actuar con responsabilidade, os de fóra e tamén os de aquí"

De qué xeito a COVID-19 trastocou a seguridade na cidade?
Trastocounos a vida totalmente. E agora imos entrar na chamada nova normalidad que é unha anomalía con respecto á vida que levabamos antes e que vai durar mentres non apareza unha vacina. A nivel operativo, obrigounos a reorientar totalmente os servizos. Fíxose un traballo excelente a nivel de persoal, adaptándoo á normativa que ía saíndo. Na Policía Local e en Bombeiros tivemos que reorganizar todo para evitar que se estendera un posible contaxio, medidas preventivas, novos turnos... Tamén tivemos que centrarnos na protección dos máis vulnerables, grazas á colaboración extraordinaria de Protección Civil e dos servizos sociais.

Pontevedra goza, coma o resto de Galicia, da saída do estado de alarma grazas a unha menor incidencia do virus. Percibe que aquí haxa a madrileñofobia da que xa se fala noutros destinos turísticos?
Non podemos quedarnos nunha burbulla de cristal, senón que debemos ser responsables, tanto os de aquí como os que veñan de fóra: cumprir coa hixiene, manter a distancia, usar mascarillas, evitar as aglomeracións... E se hai zonas onde o impacto da pandemia non está superado, alguén debería controlalas ata que sexan seguras, pero hai que garantir a liberdade de movementos.

"O Plan Municipal de Emerxencias quedou desfasado; temos que...
Comentarios