Daniel Seijo, integrante do colectivo Avante LGTBI

"Queremos ser unha rede de apoio para o colectivo LGTBI en Pontevedra"

É membro de Avante LGTBI, colectivo que conta cunha organización a nivel autonómico (celebrará a súa asamblea constituínte o sábado 27 de outubro). Esta asociación é a primeira na Boa Vila que se crea por e para a comunidade LGTBI. Formada por mozos e mozas que queren visibilizar as discriminacións que, aínda hoxe, padecen pola súa orientación sexual.

Daniel Seijo. RAFA FARIÑA - Avante LGTB
photo_camera Daniel Seijo. RAFA FARIÑA - Avante LGTB

Avante LGTBI leva en marcha dende agosto e quere ser un punto de referencia e apoio para a comunidade en Pontevedra.

Cal é o obxectivo da asociación?

En Pontevedra o que detectamos é que hai moita falta de información e prexuízos, polo que un dos obxectivos é facer tarefas formativas. Ademais, queremos crear unha rede de apoio e xuntanza para a xente do colectivo. Que saiban que non están sos e que teñen un lugar ao que acudir. Aquí había esa falta porque non había ningún grupo deste tipo.

Por que pensa que ata o de agora non houbo ningunha asociación deste tipo en Pontevedra?

Aquí estaba o FLOP que, como festival, funciona como unha forma de integrar ás persoas LGTBI. Ademais, este ano fixeron unhas xornadas máis alá do festival. Pero facía falla que houbese unha asociación máis permanente. Por iso intentamos ocupar ese oco.

"Quizais a un adulto non lle importa que lle chamen maricón, pero hai nenos que o pasan mal na escola por iso"

Adoita pensarse que vivimos nunha sociedade na que o colectivo LGTBI goza de todos os dereitos. É así?

A partir da lei do matrimonio homosexual, en 2005, parecía que estaba todo feito, pero queda un longo camiño por percorrer. Agora quizais estamos máis enfocados na lei de transexualidade, que é o colectivo que actualmente sofre máis discriminación. Tamén as persoas bisexuais e os seus problemas están invisibilizados. Sempre houbo moitos prexuízos porque parece que te tes que decantar por unha das dúas opcións: ou homosexual ou heterosexual. Nunca se contempla outra posibilidade.

Ás veces cando se fala do colectivo LGTBI só se pensa nas persoas homosexuais. Como integran o movementos trans, intersexual ou queer na súa organización?

Na nosa asociación temos persoas que pertencen ao colectivo trans, tanto unha rapaza como un rapaz, tamén hai persoas bisexuais... xa a nivel de Pontevedra, se falo a nivel galego hai moitos máis. Pensamos que non hai xente trans no noso entorno, pero cun pouco de traballo de visibilización decatámonos de que hai moitísimas realidades en Pontevedra.

A que situacións de discriminación se enfrontan día a día as persoas transexuais?

Hai mil situacións e nós, que non pertencemos a ese colectivo, nin as imaxinamos. Pensamos en problemas de grande magnitude, como unha operación de cambio de sexo, pero non somos conscientes de microsituacións incómodas que ocorren todos os días, desde que te chamen na porta do médico polo teu nome asignado, ata que che pidan o DNI na porta dunha discoteca. Son moitos escenarios que esixen estar dando explicacións continuamente que nós non podemos chegar a entender, aprendémolo de escoitar a persoas trans que son as que sofren estas vivencias a diario.

Hai uns días houbo unha polémica polo uso da palabra mariconez nunha canción dun programa de televisión. Que pensa ao respecto?

Nós, como colectivo, pensamos que a linguaxe é importante, porque, á fin e ao cabo, constrúe a sociedade. Que un termo hai 30 anos non se entendera como despectivo non significa que non o sexa. Comprendo que haxa persoas, sobre todo heterosexuais, que digan que "maricón non é un insulto porque vós mesmos utilizades esta palabra". Igual a unha persoa de 30 anos non lle importa que lle chamen maricón, pero quizais un neno de 14 anos está pasándoo mal porque lle chaman maricón na escola.

"A asociación celebra xuntanzas abertas venres alternos na Casa Azul. O próximo encontro é o 2 de novembro"

E non é o mesmo que un homosexual se revindique como maricón a que alguén llo chame.

Si, esa sería unha forma de apropiarnos dos insultos que recibimos no pasado para facelos nosos e non sexan empregados como insultos.

De todos xeitos, este tipo de polémicas indican que a xente nova cada vez pensa máis en ser respectuosa. Iso é unha boa noticia.

É un avance que exista xente que se decate de que esas palabras son un insulto e non toleran que se empregue esa linguaxe. Iso é unha esperanza.

Pero, ao mesmo tempo, a extrema dereita está en auxe en todo o mundo e discursos como o de Bolsonaro en Brasil ou Trump en Estados Unidos teñen moitos seguidores. Estades preocupados?

En Europa esta xa ñe unha realidade. En Rumanía houbo recentemente un referémdum para facer o matrimonio homosexual insconstitucional que, afortunadamente, fracasou. en Hungría, Polonia e os países do Leste de Europa este é un pensamento moi estendido. Nós, desde aquí, pouco podemos facer. O noso colectivo está centrado nas persoas LGTBI de Pontevedra. É importante facernos visibles a todos os niveis para frear este tipo de pensamentos.

Que vos preocupa en Pontevedra?

Dende que nos estamos reunindo soubemos xa de dúas agresións pola zona de Redondela. Con estes casos somos conscientes do necesarios que somos porque, de non existir este colectivo este tipo de agresións non terían repercusión. Porén, ao estar visibles e compartilo por redes sociais estes sucesos si que tiveron bastante sona. Nas noticias non saen as microagresións de cada día porque non son casos espeluznantes, pero están a ocorrer e temos que visibilizalas para que a xente saiba que nos seguen agredindo polo feito de ser gays, lesbianas ou trans.