David Sim, Marion Waller e Charles Landry, relatores na Placemaking Week Europe

O encontro sobre mobilidade e espazo público contará do 27 ao 30 de setembro con expertos de prestixio mundial
Charles Landry, Marion Waller y David Sim. DP
photo_camera Charles Landry, Marion Waller y David Sim. DP

Do 27 ao 30 de setembro, Pontevedra acollerá a Placemaking Week Europe, un dos eventos máis importantes sobre espazo público e mobilidade que se celebran a nivel europeo e que recolle a testemuña de Ámsterdam, Estocolmo e Valencia.

Concibido como un encontro-festival arredor do espazo público, máis de 400 profesionais de distintos países participarán nesta iniciativa dirixida a compartir coñecemento, aprender doutras experiencias e tecer redes que axuden a mellorar a calidade de vida das cidades. Durante os catro días do evento, levarase a cabo un debate crítico sobre catro eixes temáticos: innovación e economía creativa, burocracia creativa, o río e o verde como factores claves no deseño urbano e o desenvolvemento a escala humana para espazos públicos prósperos e resilientes.

A través de conferencias, workshops, obradoiros, paneis, exposicións e outras actividades complementarias, serán amosadas diversas experiencias e propostas na xestión do espazo común da man de expertos e expertas de recoñecido prestixio internacional, como o experto do urbanismo amable David Sim; a urbanista e asesora da alcaldesa de París, Marion Waller; ou o asesor internacional en cidades creativas, Charles Landry.

Sempre fusionando a práctica coa investigación do deseño, o arquitecto escocés David Sim é autor do concepto de cidade amable, desenvolvido no libro Soft City: Building Density for Everyday Life. Marion Waller, ademais de filósofa e urbanista, é tamén asesora da alcaldesa de París. Realizou unha importante contribución á rexeneración urbana da capital francesa. E o británico Charles Landry, membro da Academia Robert Bosch de Berlín, é un experto internacional no uso da imaxinación e a creatividade no cambio urbano. O seu obxectivo é axudar ás cidades a identificar novos recursos.

Tamén está confirmada a presencia, entre outras autoridades na matearia, de Cecilia Vaca Jones, Carmen Mays, Giselle Sebag, Anuela Ristani, Magdalena Kubecka ou Demetrio Scopelliti.

Comentarios