Miércoles. 19.06.2019 |
El tiempo
Miércoles. 19.06.2019
El tiempo

"De nada serve criar un neno en galego se logo non pode vivir en galego"

Imaxe do encontro, celebrado en Diario de Pontevedra. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Imaxe do encontro, celebrado en Diario de Pontevedra. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

FORO ►A Deputación e Diario de Pontevedra debaten sobre o futuro da lingua e os retos que hai por diante na normalización do seu uso, dende achegala ao mundo dixital ata o ámbito administrativo

O galego perde falantes. É unha realidade que se percibe nas enquisas, mais tamén na rúa ou nas escolas. "En 2013, segundo o Instituto Galego de Estatística,o 20% do alumnado galego remataba a ESO sen saber galego". Explícao Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística. Ámbitos como a Xustiza ou a Administración están "profundamente desgaleguizados", o que implica que os administrados non poidan levar a cabo a súa vida en galego con normalidade. Deste xeito, tanto Maceira como Anxos Sobrino, presidenta da Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua, subliñan que unha lingua non se vai empregar se non existen posibilidades de uso. "De nada serve criar un neno en galego se logo non pode vivir en galego", apunta Sobrino.

Os anos de traballo a prol da Normalización Lingüística non se traduciron nun maior índice de falantes. Máis ben o contrario. Para algúns, as cousas non se fixeron ben, para outros, faltaron fondos e vontade política. "O galés é unha lingua da que hai peores datos no que se refire a falantes con respecto ao galego, pero a súa tendencia é positiva", sinala Marcos Maceira.

Para Xosé Leal, deputado provincial de Cultura e Lingua, o desafío do idioma debería ser unha cuestión de país. "O galego debería entrar na axenda pública e ser un elemento primordial á hora de pensar nos problemas do país", afirma Leal. Neste sentido, para o deputado é preciso que, ademais de destinarse fondos á normalización lingüística, se cree un marco xurídico que protexa o galego e aos seus falantes. "Ten que haber un compromiso de todos, das administracións e dos administrados", conta Leal.

Xosé González Martínez, do colectivo Galeguizar Galicia e o Foro Enrique Peinador, fai un balance negativo dos anos de traballo pola normalización lingüística. "Eu son dun tempo no que máis do 90% da poboación falaba galego, pero non tiña prestixio social; agora acontece o contrario", conta González, que indica, ao mesmo tempo, que "nunca o galego tivo tantos medios económicos".

Que é entón o que se está a facer mal? González califica o traballo destes anos de "fracaso". Os motivos deste fiasco, segundo el, son principalmente a vinculación excesiva de lingua coa filoloxía, a cultura e a literatura, ademais do nacionalismo. "Non houbo interlocución con outros sectores sociais e, ao vencellar lingua e nacionalismo, houbo ámbitos que se desentenderon do problema da lingua", indica.

IMPLICACIÓN SOCIAL. Os participantes na mesa de debate coinciden na importancia de que a cidadanía adquira conciencia sobre a situación de risco do galego. Nese sentido, malia a perda de falantes, a Mesa pola Normalización Lingüística percibe unha maior concienciación por parte da cidadanía á hora de reivindicar os seus dereitos. "Temos un servizo de reclamacións e tamén de felicitación ás empresas ou administracións polo uso do galego e a xente cada vez fai máis uso del", indica Marcos Maceira.

Porén, a lingua segue sen empregarse. A implicación da sociedade civil é unha das necesidades imperantes para que o galego non pase a ser unha lingua morta. Sinálao Xosé González, que opina que cómpre abandonar o "vitimismo" e tomar medidas. "Ou o facemos con todas as consecuencias ou vai ser tarde". Neste sentido, non se amosa partidario de copiar modelos de éxito doutras linguas. "Somos un país coas nosas características propias e nunca fun partidario de copiar a ninguén porque cada caso é diferente".

Para falar de proxectos é preciso falar tamén de cartos. Hai quen critica que as partidas orzamentarias que adican as institucións á Normalización Lingüística son poucas e que o galego precisa de máis recursos. "Parece que se fan grandes desembolsos para isto, pero logo se vas ver a onde van parar os cartos que supostamente van destinados á normalización ves que se empregaron para subvencionar unha festa do churrasco na que poñen un gaiteiro, por poñer un exemplo", conta Maceira, que o pon como un exemplo de "folclorismo".

TÉCNICOS. Entre os traballadores pola normalización da lingua está claro que é preciso crear máis postos técnicos con este perfil nos concellos. En toda Galicia só existen técnicos de normalización lingüística en 60 concellos (dez deles na provincia de Pontevedra), segundo explica Anxos Sobrino. A presidenta da asociación que agrupa a estes traballadores fala da necesidade de ampliar a rede de municipios que contan con este servizo.

O de Redondela foi un Concello pioneiro neste sentido, ao ser o primeiro que creou esta figura hai 35 anos. Na actualidade, segundo Sobrino, a situación dos traballadores a prol da lingua é precaria e a maioría das administracións locais que contan con este servizo fano moitas veces de xeito temporal, sen convocar unha praza específica para este fin. "Isto leva a que os traballadores teñan unha inestabilidade laboral permanente e a que exista o risco de perder a experiencia de xente que leva 15 anos ou máis traballando nas administracións locais por non existir unha praza para eles", conta Sobrino. Algúns dos proxectos nos que traballan os servizos de normalización lingüística dos concellos realízanse en conxunto. É o caso de iniciativas como o Club de Debate, Youtubeiros ou o Programa Apego. Estas iniciativas son exemplos de éxito que "demostran que a xente quere que os seus fillos aprendan o galego" debido aos elevados índices de participación.

Pero os participantes no foro proposto por Diario de Pontevedra e a Deputación falan da necesidade de ir máis alá do ámbito político.

UNIVERSIDADE. Para Xosé González, o sistema universitario galego ten que concienciarse sobre a situación da lingua e transmitir a importancia de galeguizar ámbitos como as ciencias ou a economía.

"O fomento do uso da lingua centrouse en ámbitos como a filoloxía, creouse unha burbulla literaria da que os lectores non son quen de termar, pero non se lle recomendou aos estudantes de Medicina que lesen ensaios sobre o seu ámbito en galego, que os hai; ninguén fala de que a empresa farmacéutica Zeltia foi fundada por galeguistas ou de que Xosé Manuel López Nogueira escribiu sobre psiquiatría en galego", conta González.

Por outra parte, segundo González, é preciso tamén chegar ás facultades de Economía, onde se forman os directivos das empresas do futuro. "Hai que crear pontes con ese sector". Nese sentido, González indica que hai que ofrecerlles ás empresas a posibilidade de galeguizarse e amosarlles as vantaxes que iso tería. Paralelamente, é importante que os consumidores se conciencien á hora de consumir produtos etiquetados en galego.

EMPRESA. Porén, non sempre é doado levar a cabo os trámites burocráticos en galego. Tal e como indica Marcos Maceira, as empresas que queren traballar en galego atopan numerosas trabas no intento. "Se queren exportar, por exemplo, teñen que ter o etiquetado en castelán", indica. Dende contar con programas informáticos de xestión ata pagar impostos ou contratar seguros son misión imposible cando se trata de empregar a lingua de Galicia.

Xosé González ten traballado neste sentido a través dos colectivos nos que milita como activista polo uso do galego. "Nós concienciamos aos empresarios para que se consideren os novos trobadores que precisamos nestes tempos, entrevistámonos con eles e propuxémoslle a posibilidade de galeguizarse, algo que nunca fixera ninguén", conta González, que engade que a mentalidade dos empresarios cambiaba cando escoitaban a proposta. Neste sentido, explica que en 2003 apenas había unha decena de adegas de viño que empregasen o galego e na actualidade hai xa máis dun cento. "O vitimismo nunca foi bo, non se trata de demonizar as institucións, hai que actuar e cambiar a sociedade", explica, "e para conseguilo non basta con reducir o galego a dúas datas, o 25 de xullo e o Día das Letras Galegas".

TRANSVERSALIDADE. Un dos principais retos para a normalización da lingua é, polo tando, actuar de xeito transversal. Na escola, na Universidade, nas leis, na política, na empresa e na cidadanía.

Neste sentido, o deputado provincial de Lingua, Xosé Leal, fala da necesidade de que a Xunta de Galicia sexa coherente e de que exista un consenso político. "Se non o houbo ata agora é porque non interesou", indica. Mais non é só competencia da Administración galega, senón tamén do Estado. "A Administración do Estado ten que velar tamén polas linguas como o galego e ultimamente non é que non o estea a facer, senón que ademais está a traballar na dirección contraria", lamenta Sobrino referíndose ás eivas dos programas de xestión informática no que se refire ao emprego das linguas cooficiais. Neste sentido, González conta que é preciso "artellar unha realidade estatal de respecto e convivencia".

Ademais, ten que ser a cidadanía a que reclame o seu dereito a vivir en galego. "Temos que crear un fluxo de conciencia porque é así como veñen os cambios políticos e sociais. Hai que facer pedagoxía sen entrar en axiomas e dogmas", explica González.

Neste sentido, son as institucións as que deben levar a iniciativa e reclamar que os trámites xudiciais, o pago de taxas ou as contratacións se efectúen en galego, unha práctica que non é habitual. Segundo Marcos Maceira, "non se lle pode pedir á cidadanía que sexa responsable cando a maioría das institucións non o están sendo. O poder tamén debe dar exemplo".

Outro aspecto a ter en conta para a creación das futuras políticas lingüísticas é a progresiva despoboación do rural. O obxectivo é que a lingua sexa a conformar a sociedade galega. "Díxoo Castelao: se aínda somos galegos é por obra e graza do idioma", recorda Xosé Leal.

"De nada serve criar un neno en galego se logo non pode vivir en...
Comentarios