"Debemos acoller, debemos axudar"

O director da Semana de Cine Euroárabe Amal, Ghaleb Jaber Martínez, presenta a sexta edición da extensión pontevedresa do evento, que terá lugar entre o 7 e o 11 de setembro
Ghaleb Jaber Martínez, este mércores, en Pontevedra. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Ghaleb Jaber Martínez, este mércores, en Pontevedra. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Cinco películas chegadas dende Marrocos, Siria e Palestina compoñen a sexta edición da mostra Amal en Ruta en Pontevedra, unha proposta que recolle unha selección co mellor do festival Amal de Santiago. O director desta Semana de Cine Euroárabe, Ghaleb Jaber Martínez (tamén presidente da Fundación Araguaney), estivo na cidade presentando o evento, que terá lugar entre o 7 e o 11 de setembro e que inclúe o pase de tres ficcións (Adam, It Must Be Heaven e Tel Aviv on Fire) e dous documentais (For Sama e Gaza).

"Desgrazadamente agora os focos informativos están sobre Afganistán. Nestas circunstancias tan estrañas que vivimos, eu quero facer un chamamento dende aquí: debemos apoiar, debemos acoller, debemos axudar. E non só para que as persoas poidan ter unha vida digna, senón tamén para promover o coñecemento doutras culturas e que non se volvan escoitar discursos xenófobos de odio ao quen trata de escapar do horror e do extremismo", dixo Martínez referíndose á acollida de refuxiados. "De canta máis cultura de diferentes países poidamos empaparnos, mellor. Máis civilizados seremos. Escoitar discursos xenófobos de políticos a nivel nacional sobre a acollida dos afganos ou sobre se temos que pechar ou non as fronteiras prodúcenme unha mágoa tremenda, porque hai 50 anos eramos nós os que estabamos en barcos, despois dunha guerra, desembarcando en Arxelia e en Marrocos e ninguén nos pechou as portas. Nin alí nin en Sudamérica. Que agora se fagan estes discursos aquí é dunha inxustiza e dunha inmoralidade tremendas".

"Ao final dáselles voz aos extremismos, aos talibáns. Non se lle dá voz á poboación normal, que o que quere é vivir en paz"

Para o director de Amal, a programación dun ciclo como este de cine árabe é unha aposta "pola diversidade, pola xustiza, pola convivencia e polo entendemento dos pobos a través da cultura". De igual maneira cre que estas películas permiten abrir o foco sobre a realidade dos países árabes, moitas veces reducida a clixés. "Ao final dáselles voz aos extremismos, aos talibáns, ou á Defensa dos Estados Unidos, pero non se lle dá voz á poboación normal que o que quere é vivir en paz e ter dereito a un futuro digno".

Martínez reivindicou tamén o papel da cultura na sociedade. "Neste tempos de pandemia, tempos incertos, non se pode deixar de apostar pola cultura. A saúde é o principal, pero en segundo lugar para min xa está a cultura", explicou. "A cultura é o que marca a diferenza á hora de estar sans emocionalmente, de comportarnos como seres humanos nun mundo no que todos temos que convivir. A cultura é esa medicina".

"Realizar discursos xenófobos sobre a acollida de afganos ou sobre pechar as fronteiras é dunha inmoralidade tremenda"

HUMOR. O director do festival contou que a pandemia lle afectara ás producións árabes como ás do resto do mundo. "Se xa era complicado facer cine, agora foino aínda máis". Do conxunto das proxeccións en Pontevedra, quixo destacar a da comedia Tel Aviv on Fire". "Este ano quixemos achegarnos ao conflito en clave de comedia. Certamente o que se vive en Oriente Medio é un drama, pero non hai que olvidar que polo que pelexan os palestinos non é por un anaco de terra senón por vivir, e vivir conleva chorar, pero tamén rir. A reflexión a través do humor é fundamental".

Tamén resaltou filmes como For Sama ou Gaza, que retratan como a vida trata de impoñerse no medio do conflito "con cousas cotiás como facer surf nas praias de Gaza ou casar no medio dunha batalla en Alepo". "O que queren transmitir estes filmes son as ganas de vivir da xente fronte a decisións que se toman nos despachos da Casa Blanca ou de Tel Aviv", rematou.

Comentarios