Debut desafía o ano 2020: a falta de desfile, unha exposición

O Sexto Edificio do Museo acolle unha exposición con traballos de alumnos de Esdemga ao prescindir do seu desfile
Jorge Soto, Xosé Manuel Rey, Lola Dopico e Carme Fouces observan algúns deseños. DAVID FREIRE
photo_camera Jorge Soto, Xosé Manuel Rey, Lola Dopico e Carme Fouces observan algúns deseños. DAVID FREIRE

"Facer moda non é exactamente facer roupa. Do que se trataba aquí é de construír volumes desafiantes". O espazo acristalado do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra acolle, dende onte e ata o 13 de decembro, unha exposición de deseños de dez alumnos de primeiro curso do mestrado dos Estudos de Deseño e Moda de Galicia (Esdemga). A mostra está incluída na programación especial de Debut, que Esdemga está a realizar por mor das restricións sanitarias derivadas da pandemia de coronavirus. Así, este ano non haberá desfile de fin de estudos nin premios ás mellores coleccións. No seu lugar, o mestrado está elaborando pezas audiovisuais sobre o traballo do alumnado que comparte nas redes. Debut si mantén as súas propostas formativas e incorpora esta exposición no Museo.

"Debut é unha festa de despedida, un final e un comezo para os estudantes, e é tamén un espectáculo e un rito de tránsito que procura facilitar o paso cara o mundo profesional", explicou a directora de Esdemga, Lola Dopico, sobre esta iniciativa que se celebrou por primeira vez en 2007. "Todo tivo que transformarse este ano e adaptarse ás circunstancias. Tivemos que idear un formato para que seguise sendo Debut, pero sen ser Debut. Así que creamos esta edición limitada, que dalgunha maneira tamén quere dicir que se trata dalgo excepcional".

Tivemos que idear un formato diferente, unha 'edición limitada', unha proposta que dalgún modo é excepcional

Dopico lembrou, como fai cada ano, que os traballos dos alumnos son iso mesmo: traballos de estudantes de deseño relacionados coa investigación sobre o corpo e sobre os materiais. "Hai que lembrar que estas propostas son un exercicio de clase, non son coleccións de moda pensadas para a rúa. Isto é parte dun proceso de aprendizaxe e formación". Da mesma maneira, a directora de Esdemga explicou que, para o estudantado, este ano foi especialmente difícil. "Traballar dende a casa non lles permitiu ter acceso aos medios nin aos materiais. Estas propostas, neste sentido, son dobremente desafiantes". 

A directora de Esdemga estivo acompañada na apertura da mostra polo director do Museo, Xosé Manuel Rey; polo vicerreitor do Campus de Pontevedra, Jorge Soto, que se referiu a Lola Dopico como alguén que representa á perfección o que quere facer a Universidade de Vigo, "traballo de calidade cunha proxección internacional", e pola concelleira de Cultura, Carme Fouces.

Comentarios