Tres décadas facendo tribo en Verducido

Despois de 35 anos como mestra do ensino público, 30 deles na escola da parroquia pontevedresa, Raquel Mera xubilarase o vindeiro 31 de agosto, pero o espíritu do colexio rural, coa participación de toda a comunidade, coa horta e as árbores ás que rubir, permanecerá para a rapazada das vindeiras xeracións
Raquel Mera, o pasado 19 de xullo na entrada da escola. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Raquel Mera, o pasado 19 de xullo na entrada da escola. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

"Eu tiña unha concepción do ensino como unha base importante de transformación social. Era a catalizadora dun proceso de facer comunidade educativa que aprende ensinando, non só as profes, tamén os papás, os avós, veciños... A función da mestra é facilitar que todos poidan participar na educación dos seus rapaces. Foi moi bonito, moi enriquecedor". Raquel Mera Dios (Cidade de México, 1960) xubilarase o vindeiro 31 de agosto despois de 35 anos dedicada ao ensino público, dos que os últimos 30 foi mestra na Escola de Educación Infantil de Verducido —directora desde 2000—, onde ata o pasado curso tamén se impartía 1º e 2º de Primaria.

Filla de pontevedreses, naceu na emigración e volveu a Galicia con doce anos, a Ourense, pero xa ao inicio da súa vida docente elixiu a contorna da cidade do Lérez para formar a súa propia familia, coa que conviviu catro anos na antiga escola de mestres de Verducido, "mentres construimos a nosa casa en Xeve", donde agora pasará "a unha etapa diferente", pero sen alonxarse moito desta "tribo" que terá nela unha colaboradora permanente.

O seu fillo foi un daqueles rapaces que a principios dos noventa viviu "unha infancia impresionante" de xogos na aldea e da escola como "foco de cultural e de dinamización sociocultural". Por iso unha das cousas "máis bonitas" que ten vivido Raquel é que aqueles cativos decidan anos despois matricular ás súas crianzas na súa antiga escola e coa súa mesma mestra. "Vexo o pai, vexo o neno e acórdome de cando o pai entraba por aquí con tres aniños", lembra emocionada.

A docente recibe na escola a mediados de xullo, unha mañá chuviñenta na que se botan en falta os risos infantís da cativada que xa está de vacacións despois dun curso marcado pola pandemia no que, pese a todo, "os rapaces foron absolutamente felices". Aproveita estas semanas para poñer orde antes de que en setembro se incorpore outra mestra, provisionalmente, pois non será ata o curso 2022-2023 cando a praza volva ocuparse definitivamente. "A escola seguirá e cando veña outra persoa quedará encantada con isto. Alguén que pida este cole é porque lle apetece traballar no rural, nunha unitaria, e sabe que son 25 horas de clase cos rapaces", pois só contan coa apoio doutra mestra, de Inglés e de Audición e Linguaxe, que vén un día á semana.

O volumen de alumnado é unha das principais diferencias respecto aos anos anteriores. "Eu cheguei como profe de Infantil e tiña 20 nenos de entre tres e cinco anos. E este último curso tiven 18. Non foi razoable que pecharan a segunda unidade", pois para traballar con idades diferentes é máis axeitada unha rateo de nove ou dez. Lamenta tamén a desaparición dos dous cursos de Primaria, xa que "entre os dous e os sete anos hai una unidade de desenvolvemento, aprenden moi ben xuntos. Foi unha pena moi grande para min que levaba 30 anos traballando así, pero as administracións non o ven como unha posibilidade".

PATIO CUBERTO. Un dos primeiros cambios substanciais que se produciu no centro, construído en 1965, foi a principios de século. "Antes non tiñamos patio cuberto e cando chovía tiñamos que quedar cada un na súa aula. Arranxáronnos o patio, puxeron randeeiras... Tamén mellorou moito o mantemento da escola e empezou a haber moita oferta de actividades para os coles, tanto por parte das administracións como doutras entidades. Para os rapaces é importante participar —subliña—. A aldea é importantísima e o contorno é moi chulo e dános para facer moitas cousas de coñecemento do medio, pero tamén era importante saír fóra, que se habituaran a ir a espectáculos, a museos, a participar na vida cultural". Lembra tamén aquelas excursións "cando iamos durmir unha noite a un albergue do Camiño, con nais e profes. Estivemos en Padrón, e Tui, en Oseira... Para a maioría era a primeira vez que durmían fóra da casa".

"Entre 2009 e 2011 impulsamos un proxecto educativo con Finlandia, Turquía, Italia e Eslovenia sobre a horta ecolóxica"

Foi unha de tantas cousas especiais daqueles anos, como cando entre 2009 e 2011 a escola liderou un proxectco educativo europeo. Era outra época, "con tempo e recursos", pois estaban tres docentes a diario e outros tres especialistas que acudían algún día á semana. "En lugar de meternos nun proxecto imos propoñelo nós, pensamos". E apostaron pola súa horta ecolóxica e alimentación. "Adheríronse escolas de Turquía, Italia, Eslovenia e Finlandia. Nós coordinabamos e viaxamos todas as profes a algún destes países. O intercambio foi súper enriquecedor. Alucinabamos bastante en Finlandia". Alí coñeceron, por exemplo, o método das parellas pedagóxicas, alternativa ás rateos máis reducidas. "Tiñan dúas profes nunha aula para 20 alumnos. Incluso é mellor, porque son dúas visións dun conxunto de rapaces. E tamén había un piano en cada clase. Todos os profes deberiamos ter formación musical".

NATALIDADE. Pero a filosofía da escola rural, que aposta pola natureza, pola implicación das familias e as actividades alternativas atopouse cun atranco case insalvable: o descenso da natalidade. Foi cara 2015, lembra Mera, cando as familias "se decataron de que só cos rapaces da parroquia non ía ser suficiente para mantela. Entón empezaron a promocionala na cidade, en escolas infantís de 0-3 anos... Aí empezou a vir xente de Pontevedra, de Lérez, de Xeve... Para o curso próximo, por exemplo, vén unha familia que vivía en Madrid" e que cambiou a capital do estado pola Boa Vila grazas ao teletraballo. Pese a dubidar nun principio polo que supón a obriga de utilizar o coche a diario, elixiron Verducido. "Teñen dous xemelgos de tres anos e alucinaban aquí co patio, co verde, a area... Dicían que isto en Madrid sería unha escola privada carísima, con horta, natureza, comunidade educativa, participación das familias...". Paradoxicamente, matiza, "tamén hai rapaces da parroquia que non veñen aquí, hai moitas circunstancias".

"O terceiro trimestre do anterior foi un dos peores momentos, pero este curso os rapaces foron absolutamente felices"

Xunto á permanente ameaza —ou confirmación— de peche de aulas polo descenso de matrícula, quizais o peor momento para a mestra nestes 30 anos foi o terceiro trimestre do curso anterior, o do confinamento. Ela tiña 18 alumnos de Infantil e xunto á compañeira de Primaria facían "un tándem fantástico", pero pese a ter o blog activo desde hai anos, a fenda dixital fixo inviable normalizar as clases a distancia.

Pola contra, este curso pasado todo cambiou e, pese a ter que cumprir os estritos protocolos anticovid, ela e os seus nove alumnos superaron a proba. "Fixemos entrada escalonada para que non coincidiran os pais, tiñan zapatillas para estar dentro e katiuskas para fóra. A ANPA comprou uns impermeables e fixemos moitísimo traballo no exterior...".

A todo axudou o soportal con mesas ao lado do xardín zen que utilizan para merendar e facer actividades. "Grafomotricidade na area, contacontos baixo o carballo... Para eles a máscara non era obrigatoria e isto era como un reduto de paz. Tiñan clarísimo que había un problema, que os pais non podían entrar, que tiñan unha máscara no casilleiro e por exemplo os luns poñíana para facer o pan co que merendamos os martes, ou se había que ir a algún sitio no bus, se saiamos do recinto por aquí cerca... E tamén temos unha aula moi grande, moi ventilada, e se viña alguén poñían a máscara e iamos para alí. Coñecían as medidas, pero non o vivían con aprensión. Tiven case todo o curso a ventá aberta e os días de moito frío, con tres aulas e a biblioteca a disposición, cambiabamos de aula e iamos ventilando".

Neste tipo de escolas, subliña na súa despedida, "pódese facer unha formación da persoa, cun número reducido de alumnos nun entorno fantástico, unha comunidade que educa e iso —recalca— ten os seus desafíos".