A decana en funcións, Mercedes Soto, única candidata para seguir á fronte de Fisioterapia

A votación será o 6 de novembro e o equipo complétano a actual vicedecana, Iria Da Cuña, e a secretaria académica, Rocío Abalo. Vicedecana entre 2018 e 2022, nese momento substituíu a Eva Lantarón, actual vicerreitora do campus
photo_camera Mercedes Soto. DUVI

A decana en funcións da Facultade de Fisioterapia desde xuño de 2022 e profesora do Departamento de Bioloxía Funcional e Ciencias da Saúde Mercedes Soto encabeza a única candidatura presentada no procedemento electoral aberto nesta facultade, segundo informou este xoves o Duvi. Soto lidera un equipo que completan as actuais vicedecana, Iria Da Cuña, e secretaria académica, Rocío Abalo, e que optará a continuar tres anos máis á fronte do centro. A votación terá lugar o 6 de novembro.

Soto fora vicedecana entre 2018 e 2022, momento no que se converteu en decana en funcións tras o nomeamento de Eva Lantarón como vicerreitora do campus de Pontevedra. O 3 de outubro Fisioterapia abría un proceso electoral ao que só concorreu unha única candidatura, que foi proclamada onte de xeito definitivo, tras pecharse o período de reclamacións. 

Un doutoramento propio

"Preséntome porque quero seguir loitando porque a facultade acade todas as cousas que aínda nos quedan pendentes", salienta Soto, que destaca que o "compromiso" co centro é "algo que sempre me inculcaron as persoas que estaban á fronte da facultade, desde que cheguei aquí como profesora asociada de Ciencias da Saúde", no ano 2005. Entre eses obxectivos por cumprir, Soto González destaca en primeiro termo a creación dun "programa de doutoramento propio, que cremos que é indispensable", posto que "neste momento non temos na Universidade de Vigo outra facultade do ámbito de Ciencias da Saúde e necesitámolo para desenvolver mellor a investigación". Así mesmo, a candidata a decana incide tamén na necesidade de que a facultade poida "comezar a crecer" potenciando a súa internacionalización e actualmente traballan no impulso de iniciativas de colaboración con universidades portuguesas.

O novo mestrado, vento en popa

Con respecto á súa etapa como decana en funcións, Soto recoñece que "foi un ano intenso", posto que, en primeiro termo, coincidiu coa posta en marcha do Máster en Exercicio Terapéutico en Fisioterapia, "que está a ter unha moi boa aceptación" e que iniciaba recentemente o seu segundo curso, "no que se cubriron todas as prazas". Neste período tamén se completou a acreditación do Grao en Fisioterapia e a facultade acadaba tamén o certificado Fides-Audit á implantación do seu Sistema de Garantía de Calidade, despois de someterse en 2022 á avaliación dunha comisión externa, nun proceso de carácter voluntario promovido pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG). A obtención deste certificado motivou á súa vez que fose recoñecida pola Universidade co selo Q, unha distinción propia da institución académica, a comezos deste ano.  

Comentarios