Décimos de Nadal viaxeiros, un souvenir con premio

▶ Os décimos rematados en 7 e 5 continúan a ser dos máis solicitados
 
Un décimo de nadal vendido na Administración nº9 de Pontevedra. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Un décimo de nadal vendido na Administración nº9 de Pontevedra. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Malia aínda faltaren 4 meses para o gran día, a Lotaría de Nadal xa fai aparición nas vitrinas das Administracións de Lotarías e Apostas do Estado. E como apunta Begoña Arizaga, da Administración nº6 de Pontevedra, "desde que chegou xa a puxemos á venda, porque desde antes xa había moita xente que viñera a preguntar por ela".

O nivel de ventas en verán, segundo Mari Carmen García Cabezudo, xerente da Administración nº9, é semellante ao do ano pasado. Con todo, a tempada alta vén máis adiante: "As nosas vendas fortes soen ser no mes de decembro e xaneiro para o neno. Agora vaise vendendo, pero o forte vén despois, cando se achega a data", asegura. Estas compras tardías responderían aos clientes habituais: "Os nosos clientes de aquí, os de todo o ano, soen esperar a máis para adiante. Agora aínda non o levan porque o perden".

Mais polos décimos preguntan non só os clientes de sempre, que xa contan co seu número abonado. A compra de lotaría a modo de souvenir é algo común entre visitantes: "Os turistas sempre veñen a coller a lotaría aquí cando veñen de vacacións. En vez de collela onde viven, sempre soen coller aquí algo", explica Arizaga. Algo que estaría motivado polos medios de comunicación. "Tamén debe influír máis que nada a publicidade que fan na tele e máis na radio de que Nadal, compra onde vaias pasar o verán, entón a xente sempre soe xogar algo máis", subliña.

A compra de lotaría a modo de souvenir é algo común entre visitantes​

Respecto do perfil, o visitante que adoita mercar lotaría acostuma ser doutras partes do Estado, tal e como sinala a vendedora. "Soen ser de España ou xente de fóra que fale castelán ou teña familia aquí e veña pasar uns días. Estranxeiros como tal non tivemos", explica.

"Os que compran son os españois, porque os estranxeiros marchan e non van vir cobrar. Bueno, se lle tocase o gordo si. Hai moito andaluz, e dos estranxeiros moitos ingleses", di pola súa banda García Cabezudo, por cuxa administración "pasan moitos peregrinos que veñen moi cedo e xa compran ao pasar". Na nº9 tamén teñen xente "que vén todos os veráns comprala. Hai concretamente uns que veñen de Aragón, que se hospedan en Poio e veñen todos os anos a comprar algún décimo". Un ou varios, "porque collen para a familia, para a xente da aldea, xente que lle encargou", engade.

En canto a preferencias, "os números que máis se están vendendo, coma sempre, son o 5 e o 7", segundo di a xerente da nº9, e que ratifican na nº6. Con todo, como reza o cartel dunha das administracións, "no hay números bonitos ni feos, todos van al bombo. El bonito es el que toca".