Degustación de filloas e moita animación no Entroido da Pasarela

A cita deste venres céntrase nas diferentes prazas da cidade coa Mostra da Parodia. Os veciños do barrio do Burgo tamén desfrutarán dunha festa de disfraces este sábado
Os veciños gozaron da troula no Xoves de Pasarela. DIANA CARRACELAS
photo_camera Os veciños gozaron da troula no Xoves de Pasarela. DIANA CARRACELAS

Os veciños do barrio da Pasarela desfrutaron este xoves da súa propia festa de Entroido cunha degustación de filloas e música en directo. Trátase da primeira celebración destas características que se fai nesta zona da cidade, situada entre as rúas 12 de novembro e Xosé Adrio Barreiro co gallo de levar o Entroido e facer partícipe da festa a tódolos barrios da cidade.

Bautizada como os Xoves da Pasarela, os pontevedreses das rúas que rodean a vía do tren viviron unha xornada de troula e diversión con música en directo. A veciñanza da zona colaborou na realización desta festa que contou coa implicación de máis de 60 locais do barrio e unha degustación de filloas en cinco establecementos de hostalería. De feito, a Pasarela é unha zona urbana cuxo parque reúne habitualmente a un gran número de cativos.

Ademais do Entroido da Pasarela, os veciños do barrio do Burgo tamén desfrutarán dunha festa de disfraces este sábado a partir das 22.30 horas no Centro Cultural do Barrio.

Xunto coa celebración do Entroido da Pasarela e O Burgo a cita deste venres céntrase nas diferentes prazas da cidade coa Mostra da Parodia. Esta cita e xa unha habitual do Entroido pontevedrés no que centos de persoas enchen as rúas para ver as retranqueiras representacións que fan grupos da cidade e da comarca a partir das 22.30 horas.

Nesta XXVI edición participan os agrupacións Os do Val do Lérez, que actuará na Praza do Concello; Vamos a Todo, nos Soportais da Ferraría; As sonecas van de festa, que actuarán na Praza da Peregrina; Os das Pistas, en Casa Alcalde; Equipo Ja, na Praza de Ourense; Parodia PTV, en Manuel Quiroga e Las Flores del Carnaval, que fará o propio na Praza da Ferrería. A partir da 1.00 horas terá lugar a entrega de premios.

Comentarios