Degustación gourmet de Pontevedra

Nesta edición de Etiqueta Negra, que se celebra esta fin de semana no Recinto Feiral, os alumnos do CIFP Carlos Oroza realizarán un percorrido virtual e gastronómico por prazas da cidade para lembrar nas súas propostas culinarias aos antigos protagonistas das mesmas, como os grelos na da Verdura ou o pan na do Teucro
Un momento da proba de produtos ofrecida na pasada edición da feira. GONZALO GARCÍA - Etiqueta Negra
photo_camera Un momento da proba de produtos ofrecida na pasada edición da feira. GONZALO GARCÍA

Dende a primeira edición de Etiqueta Negra o Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Carlos Oroza colabora activamente coa a feira do gourmet galego Etiqueta Negra e este ano non podía ser doutro xeito. O centro formativo volverá ter un stand propio e, ademais, o alumnado de 2º de Cociña A, 1º e 2º de Servizos en restauración, 2º de Panadería e 2º de Guía –baixo a dirección dos profesores Paco Moreno, Carlos Rodríguez, Manuel Patiño, Eva Lage e Tina Otero– desenvolverá un particular ‘Paseo Gastronómico pola Pontevedra do CIFP Carlos Oroza’.

Trátase dun espectáculo de cociña en directo, que terá lugar no Anfiteatro Estrella Galicia o luns 11 ás 11.30 horas, con degustación para 100 persoas e que inclúe un percorrido virtual por varios lugares da cidade relacionados coas propostas gastronómicas e coa oferta formativa do centro.

IMPLICACIÓN. Un dos responsables da organización desta actividade, Paco Moreno, explica que a idea xurdiu porque "habitualmente se realizan actividades cos ciclos de cociña e servizos, pero no centro temos outros relacionados tamén co turismo, o que quixemos con esto é realizar unha actividade conxunta na que se inclúa a toda a oferta formativa, na que se involucre a todo o centro".

Deste xeito, a praza da Verdura, que o Carlos Oroza asocia ao Ciclo de Guía, información e asistencia turística, será a primeira parada. O menú a degustar terá moito que ver coa actividade que antigamente se celebraba nela: a venda de verduras e hortalizas. Os alumnos ofrecerán unha bebida saudable vexetal feita con produtos da horta do centro.

A seguinte paraxe será a praza do Teucro, asociada ao ciclo de Panadaría, repostería e confeitaría. Neste caso, a oferta ten que ver co pan ofrecendo un aperitivo de pan de masa nai recheo de tomate confeitado.

O paseo virtual proseguirá na praza de Mugartegui (relacionada co ciclo de Servizos de Restauración) e no Mercado (ciclo de Cociña). Os asistentes degustarán un cóctel con uva sen alcohol e unha tosta de sardiña lañada. Nesta actividade colabora o Museo da Salgadura de O Grove, que é o que ofrece a sardiña salgada de xeito tradicional.

Finalmente, o Parador (ciclo de Xestión de aloxamentos turísticos) será a última parada. Pensando nas camelias que o rodean e no frío do outono o resultado será a degustación dun chocolate quente con galleta de camelia.

"Convidamos á xente asistir porque será unha actividade moi interesante. As visitas van estar dirixidas polos alumnos do ciclo de Guía e os platos serán presentados polos alumnos que os elaboraron", explica Moreno.

HORARIOS. A cuarta edición da feira do gourmet galego Etiqueta Negra, que se celebrará esta fin de semana e o luns no Recinto Feiral, permanecerá aberta, en horario ininterrompido, de 11.00 a 21.00 horas agás o luns, que pechará ás 20.00 horas. A entrada custa 3 euros por día pero tamén se pode mercar un abono para os tres días ao prezo de 8 euros.

Este evento está impulsado pola concellaría de Promoción Económica do Concello de Pontevedra, que dirixe a socialista Yoya Blanco, e conta por primeira vez co apoio de Estrella Galicia como patrocinador principal.

Participan tamén Cabreiroá, como auga oficial, Deputación de Pontevedra, Eroski, Mel de Galicia e a Mancomunidade do Salnés, Tawi, Gadis, CIFP Carlos Oroza, Gráficas Anduriña, Froiz e Kitchen In.

Comentarios