O Demo Asubiador busca pailáns

O personaxe mitolóxico que habita a ribeira do Gafos sae estes días á procura de veciños e veciñas para subirlles ao ombro, asubiarlles a súa cantata e deixalos aparvados todo o ano
Ilustración do Demo Asubiador elaborada por Tais Feijoo. CEDIDA
photo_camera Ilustración do Demo Asubiador elaborada por Tais Feijoo. CEDIDA

O Demo Asubiador anda solto. Como é tradición, o trasno que habita a ribeira do río Gafos sae estes días á procura dunha vítima para deixala aparvada todo o ano. Segundo a lenda, que recordan aínda algúns septuaxenarios e octoxenarios do treito do río ao seu paso por Figueirido, o pequeno trasno busca cara ao final do ano ao máis parvo da vila para fastidiarlle o ano. "El vive na fonte da Ventaíña e móvese dun lugar a outro pola ribeira do río á procura dun paisano ou paisana para gabear polo corpo, pousarse no ombro e asubiarlle unha cantata ao ouvido, hai veciños que mesmo se atreveron a poñerlle melodía", explica o escritor especializado en etnografía Calros Solla, que xa ten explicado a lenda do Demo Asubiador nas súas obras en numerosas ocasións.

Deste xeito, se vostede comeza a sentir na noite de hoxe un ruxerruxe nos ouvidos ou se nota cun despiste maior do habitual, saiba que sufriu o feitizo do Demo Asubiador e que, con sorte, a desorientación duraralle un ano. "Esa é unha versión esperanzadora, porque hai quen di que tamén hai persoas ás que non lle pasa en toda a vida, ao igual que os hai que viñan xa apailanados dende o berce", conta entre risos Solla. Ao igual que hai quen caerá vítima do trasno do Gafos, tamén na xornada de este martes haberá quen se libere do feitizo, segundo explican as crónicas dos maiores que coñecen o mito.

Foi redescuberto en 2009 nun traballo sobre patrimonio

O Demo Asubiador foi redescuberto no ano 2009 no marco dun estudo sobre o patrimonio inmaterial que rodea o río Gafos. No mesmo, mentres se analizaba a toponimia do entorno, apareceu a figura dun pequeno demo, cun pucho na cabeza e un chaleco morado, que facía trasnadas a proveitando o final do ano. Había informantes que mesmo lle puñan nome ao trasno, de xeito que se conta que pode chamarse Pedro, un nome que, segundo a crenza, leva consigo a cualidade de pillabán. "Dicíase que cando se lle puña Pedro a un neno este saía traste", indica Solla.

Na actualidade, a asociación Vaipolorío é a principal divulgadora da figura do Demo Asubiador, de feito que nestas datas coloca un boneco representando ao trasno en zonas do Gafos e mesmo promoveu, xunto ao Concello de Pontevedra un libro sobre a historia do personaxe mitolóxico escrito polo propio Calros Solla con ilustracións de Tais Feijoo. Sobre a finalidade de figuras mitolóxicas como o Demo Asubiador, os expertos contan que pode ter a súa explicación na finalidade de alonxar aos nenos e nenas de determinadas zonas que podían ser perigosas, como as brañas. Así, ao meterlles medo aos máis pequenos, evitábase que se achegasen a lugares que podían supoñer un risco. O mesmo ocorre con lendas como a da Poza da Moura, en Tomeza, onde habita unha moura que, hai moitos anos, atrapou a un home que pasaba cun carro de bois e do que nunca se volveu saber. A zona está situada nun humidal cheo de lama que pode resultar perigoso para os máis pequenos ao poder quedar atrapados alí. Do mesmo xeito, tamén en Tomeza, existe a figura do Rachador, unha especie de ‘home do saco’ que lle fai mal aos cativos.

Comentarios