Denunciada polo uso indebido da tarxeta para persoas con mobilidade reducida

A condutora que cometeu a infracción recoñeceu que usaba habitualmente de xeito irregular o cartón, polo que os axentes da Policía Local procederon á súa intervención
Plazas para personas con movilidad reducida en Barcelos. DAVID FREIRE
photo_camera Plazas para personas con movilidad reducida en Barcelos. DAVID FREIRE

O pasado 18 de marzo, axentes da Policía Local de Pontevedra procederon coa tramitación dunha denuncia por uso indebido da tarxeta para estacionar en espazos reservados a persoas con mobilidade reducida.

Sobre as 15.30 horas, unha patrulla da Policía Local de servizo na vixilancia do tráfico observou como unha condutora estacionaba nun espazo reservado para persoas con mobilidade reducida na praza de Barcelos, para logo colocar o cartón nun lugar visible do coche e abandonar a zona cara a rúa Benito Corbal.

Os axentes comproban a titularidade do cartón ao ver que a muller saíra soa do vehículo, mais a titularidade pertencía a un home. Os axentes agardaron pola condutora para a súa identificación, amosándose nerviosa e contraditoria, manifestando que o titular da tarxeta estaba nunha sesión de rehabilitación no Hospital Domínguez, e que tiña intención de ir na súa busca. Logo de varias explicacións sobre o uso da tarxeta, a condutora muda de versións e argumentos varias veces.

Finalmente, confirma que traballa no lugar e que, decotío, estacionaba no lugar facendo un uso irregular da tarxeta e que o titular da mesma, o seu marido, está na casa. Os axentes procederon coa tramitación da denuncia administrativa correspondente por un estacionamento irregular e á intervención da tarxeta.