Denunciado un local de Pontevedra con 34 persoas sen máscara no interior e de madrugada

Gulías alerta da "preocupante" situación na que se atopa Pontevedra, que contabiliza 154 casos positivos, sete máis ca este domingo
Anabel Gulías. JAVIER CERVERA
photo_camera Anabel Gulías. JAVIER CERVERA

A portavoz do Goberno local de Pontevedra, Anabel Gulías, admitiu este luns que a situación da cidade con respecto ao coronavirus "é preocupante", polo que pediu responsabilidade aos veciños e veciñas para poder saír desta situación o antes posible.

A concelleira tamén informou de que se tramitaron varias denuncias esta fin de semana por incumprimento de medidas contra o coronavirus. Concretamente, dous establecementos foron sancionados por pechar máis tarde do permitido. No interior dun eles detectáronse polo menos 34 persoas sen máscara ás 01.50 horas. O segundo local permanecía aberto ás 02.00 horas con 15 clientes no seu interior.

Ademais, seis persoas foron denunciadas ao longo da fin de semana por non levar máscara.

Segundo os últimos datos facilitados pola xerencia do Complexo Hospitalario de Pontevedra ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, o concello rexistra este luns 154 casos activos de covid, sete máis ca este domingo.