A rede de campos de petanca de Pontevedra medrará cunha decena de novas pistas

Tino Fernández prevé que os 'petanqueiros' poidan dispoñer destes terreos de xogo "xa neste ano 2021"
Tino Fernández xogando á petanca. DP
photo_camera Tino Fernández xogando á petanca. DP

A Concellería de Deportes pretende dotar nos vindeiros meses dunha decena de novas pistas a rede de campos de petanca e chave de Pontevedra.

As actuacións serán executadas grazas a un investimento de 121.866 euros, unha contía incluída dentro da última modificación de crédito  probada polo Concello de Pontevedra, polo que o seu tenente de alcalde, Tino Fernández, prevé que os 'petanqueiros' poidan dispoñer destes terreos de xogo "xa neste ano 2021".

En concreto, segundo avanza o edil socialista, crearanse dúas novas pistas de petanca en Monte Porreiro, nas inmediacións da igrexa; dúas en Ponte Sampaio, en Acevedo e A Ballota (zona próxima ao río Verdugo); unha no barrio de Pontevedra Leste; unha en Marcón; unha en Salcedo, e outra en Estribela, "estando tamén en carteira, en función das opcións de parcela, a previsión de facer outra máis en Mourente".

Tal e como sinala o concelleiro de Deportes, "a petanca é unha disciplina á alza, que ano tras ano vai aumentando o seu número de afeccionados e de xogadores no noso concello e que, a pesar de que os voceiros doutros partidos a queiran menosprezar, é un motivo de orgullo para os pontevedreses e un xeito de facer deporte ao aire libre para maiores e persoas de tódalas franxas de idade". "Temos una Liga de Petanca cunha organización e unha afección que xa lles gustaría a moitas outras cidades e, en consecuencia, imos seguir contribuíndo ao seu crecemento con novas infraestruturas e co mantemento das xa existentes en perfectas condicións”, asegura Tino Fernández.

O tenente de alcalde lembra que Pontevedra conta nestes momentos con 15 pistas preparadas para albergar xogos de petanca e chave en Monte Porreiro (2), Mourente (2), Santa María de Xeve (2), San Andrés de Xeve (1), Verducido (1), Salcedo (1), Bora (2), Centro Sur (2) e os xardíns da Deputación (2). Asemade, hai outras tres xa en execución no barrio do Burgo, tralo Pavillón Municipal dos Deportes.

LUGARES DE ENCONTRO. Tino Fernández subliña que o obxectivo do Concello é "desenvolver todo un sistema de campos de petanca nos barrios e parroquias do rural, que proporcione unha oferta acorde co nivel desta actividade deportiva no noso municipio", ao tempo que se xeren "espazos de socialización comunitaria e lugares de encontro" e se incremente "o valor paisaxístico destas zonas".

Os labores preparatorios dos terreos levaranse a cabo mediante unha limpeza con máquina retroescavadora, a apertura de 'caixas' para a creación dos pavimentos e a eliminación de vexetación. O pavimento destes parques realizarase con terrizo de 10 centímetros de espesor, e con xabre granítico cribado sobre explanada afirmada previamente, estendida e rasanteada con motoniveladora. Asemade, incorporarase unha capa separadora anticontaminante de xeotéxtil de 200 g/m2.

Ao igual que se está a facer nas inmediacións do Pavillón, os novos proxectos contemplarán a xeración de sendas na contorna das pistas para mellorar a comunicación e a accesibilidade (con camiños de acceso adaptados). A dotación de céspedes dun mínimo de calidade dende o punto do vista estrutural, e consecuentemente de calidade visual, constitúen un elemento esencial: estarán formados por unha mestura de especies axeitada ás características específicas de cada zona (sombra, sol, uso, redución de consumo de auga…).

O mobiliario dos espazos verdes cumprirá coas axeitadas especificacións dende o punto de vista da funcionalidade, confort para os usuarios e de integración paisaxística coa súa contorna. Prevese a incorporación de zonas de banco corrido con pes en aceiro galvanizado e de banco circular, todos eles realizados en obra, con asento de madeira.

Comentarios