A Deputación abre unha nova liña de axudas para retirar simboloxía franquista

Repartirá 100.000 euros para obras de supresión de escudos, estatuas e mencións de exaltación ou rehabilitar bens afectados polas retiradas
undefined
photo_camera En Poio cambiouse este ano o nome dunha rúa alusiva ao franquismo. DP

A Deputación abriu unha liña de axudas para retirar simboloxía franquista nos concellos da provincia. Trátase de achegas que forman parte das xa coñecidas Subvencións para a Rehabilitación e Sinalización do Patrimonio Histórico Cultural, e que contan cunha contía global de 100.000 euros, segundo se publica este mércores no Boletín Oficial da Provincia (BOPPO).

As colaboracións económicas poderán destinarse a obras de retirada de escudos, insignias e placas das rúas con nomes relacionados co franquismo; retirada de estatuas, mencións conmemorativas de exaltación persoal ou colectiva ou de calquera pegada de eloxio; ou a rehabilitacións e restauracións dos elementos dos bens inmobles de titularidade municipal directamente afectados coa retirada da simboloxía franquista.

A deputada de Memoria Histórica, María Ortega, lembra que se trata dunha obriga legal que as administracións locais deben asumir, mais como nalgúns casos a falta de orzamento impide levar adiante as retiradas, "a Deputación de Pontevedra pensa que incorporar esta liña nas subvencións é bo para que os concellos poidan entrar camiño de facilitar o cumprimento da normativa da Lei de Memoria vixente".

As axudas repartiranse cun importe fixo de 50.000 euros de xeito lineal entre os concellos que decidan acollerse a elas. A cantidade restante repartirase, en proporción ao 75 % da poboación e ao 25% da superficie, con 10.000 euros para os 37 concellos de ata 10.000 habitantes; 20.000 euros para os 14 concellos de 10.001 a 20.000 habitantes; e outros 20.000 euros para os 8 concellos de entre 20.001 e 50.000 habitantes.

Rehabilitación. Desde o ano 2016 a Deputación de Pontevedra conta cunhas liñas de subvencións dirixidas aos concellos da provincia para a rehabilitación do patrimonio e a sinalización do patrimonio histórico e cultural e a memoria histórica co obxectivo de darlle valor á riqueza patrimonial do territorio mediante a súa recuperación e mellora.

A través da convocatoria deste ano a institución promoverá dúas liñas diferenciadas: unha liña A, a nova sección anunciada para eliminación da simboloxía franquista; e unha liña B, a tradicional de rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico-cultural. Ambas poderanse solicitar de forma paralela e non excluínte.

O obxecto das subvencións da liña B, que neste ano ascenderán a 300.000 euros, será a restauración de bens inmobles de titularidade municipal ou conxuntos urbanos ou naturais que teñan un recoñecido valor arquitectónico, histórico, artístico, paleontolóxico, arqueolóxico ou etnográfico; e a adquisición de bens inmobles integrantes do patrimonio histórico, entre outras liñas.

Comentarios