A Deputación abre o prazo para solicitar a doazón de especies vexetais do Areeiro

Poderán solicitar ata 35 exemplares, entre os que figuran camelias, chopos, carballos ou feixoas
Estación Fitopatolóxica do Areeiro. BEATRIZ CÍSCAR
photo_camera Estación Fitopatolóxica do Areeiro. BEATRIZ CÍSCAR

Tras a publicación no Boletín Oficial da Provincia, a Deputación abriu este xoves o prazo para que concellos, centros educativos, entidades, institucións e particulares, que dispoñan de xardíns públicos na provincia, poidan solicitar a doazón de especies vexetais da Estación Fitopatolóxica do Areeiro (EFA) para embelecer eses espazos naturais.

En concreto, as especies vexetais que poden solicitarse son excedentes das cultivadas no viveiro da EFA, onde anualmente se reproducen con sementes e se propagan con esgallos especies vexetais para realizar diferentes estudos e conservar a diversidade vexetal da provincia. Este ano, hai máis de 40 especies para elixir, entre as que figuran piñeiros, carballos, chopos, tuias, feixoas, cipreses, abetos, palmeiras, hedras ou liquidámbar. Tamén se ofrecen camelias, en concreto das especies xapónica, sasanqua, reticulata e cultivares híbridos entre outras.

As entidades e persoas interesadas deberán presentar unha única solicitude na que poderán pedir ata 35 exemplares de diferentes especies e terán de prazo ata o día 31 deste mes de maio para formalizalas, de xeito telemático, a través do formulario normalizado disponible na sede electrónica da institución provincial.

Toda a información sobre o proceso que rexe a doazón atópase na ligazón da web da Deputación: https:// www.depo.gal/doazon-de-especies-vexetais. O persoal do Areeiro determinará tamén se as especies solicitadas son adecuadas para a zona de cultivo.