A Deputación achega 15.000 euros a Unicef para axuda humanitaria en Ucraína

Os fondos irán destinados a prestar atención urxente sanitaria e nutricional á infancia
unicef2-2
photo_camera Irene Marín, Carmela Silva e Coro González, durante a rolda de prensa no Pazo Provincial. DP

A Deputación de Pontevedra colaborará con Unicef achegando 15.000 euros para o programa Emerxencia en Ucraína. Resposta ás necesidades humanitarias da infancia: subministracións esenciais de saúde e nutrición, que desenvolve a ONG. Segundo detallou Irene Marín, coordinadora autonómica de Unicef en Galicia, xunto a Coro González, responsable de proxectos de Cooperación da organización na comunidade, esta axuda vai dirixida a "atención médica e nutricional tanto da infancia como das nais e mulleres embarazadas".

Ambas compareceron en rolda de prensa xunto á presidenta provincial, Carmela Silva, e lembraron que son 5,2 millóns de nenos e nenas en Ucraína e nos países veciños de acollida os que precisan axuda humanitaria. 

Tamén detallaron que coa aportación da Deputación vanse poder subministrar kits de emerxencia e de primeiros auxilios, así como kits de partos para dar resposta a ata 100 alumbramentos, e galletas nutricionais e suplementos como o ferro e o ácido fólico, pois "hai 145.000 nenas e nenos que precisan urxentemente apoio nutricional", explicou Marín.

Ademais, detallou que Unicef leva xa moito tempo en Ucraína, "dende que estalou a guerra no Donbás fai oito anos", e ten aumentado o seu equipo para dar resposta á poboación, con artigos de auga, saneamento, kits cirúrxicos e obstétricos, pero tamén con alimentos, roupa, materiais educativos, de ocio, axudas en efectivo e apoio psicolóxico. 

A coordinadora autonómica de Unicef en Galicia aproveitou para facer un chamamento a "non deixar de poñer o foco en que hai unha guerra e é moito o traballo que temos por diante". Tamén sinalou que "a covid demostrounos que vivimos nun mundo glocal", é dicir, global e local ao mesmo tempo, por iso "hai que traballar polo benestar de todas as persoas do planeta, non só das que temos máis próximas".

Do mesmo xeito, Carmela Silva tamén lamentou que "non se lle está a prestar xa a atención que merece esta guerra", que "ten desaparecido das portadas como se tivera rematado" cando en realidade "é seguramente máis dura que nunca e está a xerar moito sufrimento". 

En 2021 o apoio centrouse en Siria para previr a covid
Durante o 2021 a colaboración da Deputación e Unicef centrouse en Siria, subministrando elementos básicos para previr a infección por covid, dende artigos de hixiene ata equipos de protección. En total, tal e como explicou a coordinadora de Unicef en Galicia, grazas á axuda da Deputación "reducimos a transmisión e a mortalidade da covid, chegando a 1.500 persoas, que son 300 familias con kits de hixiene e acceso a auga. Por outra banda, actuamos nos hospitais e centros de saúde facilitando medios de protección ao persoal sanitario ante a covid, beneficiando con elo de xeito secundario a máis de 50.000 persoas".

Carmela Silva afirmou que "é unha obriga apoiar a organizacións como Unicef, á que a sociedade tanto lle debe" e adiantou que "o mundo local non pode mirar cara outro lado; compétenos humanamente, e por iso reforzaremos a relación coa ONG", indicou.

Comentarios