A Deputación achega a cultura emprendedora a 25 colexios da provincia

Máis de 550 alumnos participarán no 'DepoEmprende na escola, ESO e FP' ▶ Crearán unha cooperativa cuxos produtos venderán na fin de curso

Entrada das instalacións de Príncipe Felipe. DAVID FREIRE (ADP)
photo_camera O Príncipe Felipe é un dos centros que se enmarcan no programa. DAVID FREIRE (ADP)

Promover a cultura emprendedora entre o alumnado dos centros escolares da provincia é o obxectivo do programa DepoEmprende na Escola, que promove a Deputación de Pontevedra e que a partir de novembro chegará a un total de 553 alumnas e alumnos de 25 centros educativos pertencentes a 15 concellos da provincia.

"Precisamos que o emprendemento forme parte do currículo educativo, como sucede en países coma Austria ou Suíza, porque é fundamental cambiar o modelo educativo e adaptarse ao S.XXI", salientou onte a presidenta do organismo provincial, Carmela Silva, que quixo pór en valor esta acción da Deputación, "ó tratarse da única administración en Galicia que conta cun programa destas características, converténdonos nunha referencia no ámbito do emprendemento".

Tal e como destacan desde a institución provincial, o programa DepoEmprende na Escola, na ESO e na FP ten como obxectivo xeral fomentar o emprendemento como un dos factores clave na economía do coñecemento, eliminando as barreiras que dificultan ou impiden a transformación das ideas emprendedoras en proxectos concretos. Así mesmo, este proxecto promove o emprendemento e a cultura emprendedora no marcho do sistema educativo, impulsando que o alumnado sexa o protagonista da súa propia aprendizaxe cun traballo desde a práctica. e favorece o desenvolvemento de competencias asociadas á comunicación, á análise do entorno físico, á creación, á convivencia, ás expresións culturais, ás matemáticas e ciencias e á alfabetización dixital.

Así, no DepoEmprende na Escola van participar 281 nenas e nenos dePrimaria (5º e 6º curso) e de educación especial dos centros CEE Príncipe Felipe (Pontevedra), CEP Antonio Magariños Pastoriza (Cambados), CEIP As Bizocas (O Grove), CEIP Plurilingüe Enrique Barreiro Piñeiro (Cambados), CEIP García Barbón (Vigo), CEIP Plurilingüe nº1 de Tui (Tui), CPI Julia Becerra Malvar (Ribadumia), CEE Vilagarcía de Arousa (Vilagarcía de Arousa) e CEIP Santo André de Xeve (Pontevedra). Todas e todos eles se encargarán de crear e xestionar unha cooperativa cuxos produtos se venderán nun mercado ao remate do curso.

ESO E FP. No que respecta á modalidade de Secundaria, participarán 99 alumnas e alumnos do IES Plurilingüe A Paralaia (Moaña), IES de Rodeira (Cangas), IES Luis Seoane (Pontevedra), IES Frei Martín Sarmiento (Pontevedra), IES Illa de San Simón (Redondela), IES Illa de Ons (Bueu), IES Indalecio Pérez Tizón (Tui) e IES de Meaño (Meaño). DepoEmprede na ESO está dirixido a mozas e mozos de 14 a 16 anos (3º e 4º da ESO) que estudan a materia iniciativa emprendedora.

En canto a DepoEmprende na FP, serán 173 alumnas e alumnos participantes dos centros IES Frei Martín Sarmiento (Pontevedra), IES de Rodeira (Cangas), CIFP Carlos Oroza (Pontevedra), Asociación EFA A Cancela (As Neves), IES Terra de Turonio (Gondomar), CFEA Lourizán (Pontevedra), CPR San Miguel (Vigo) e IES de Valga (Valga). Esta modalidade está dirixida ao alumnado que estude a modalidade de Empresa Iniciativa Empresarial ou/e Simulación Empresarial.

Comentarios