A Deputación activa 2,6 millóns para o terceiro Plan Móvese de seguridade viaria

A institución provincial destina 3,2 millóns para mantemento da rede provincial de estradas
Obras de mellora da seguridade realizadas pola Deputación este ano na estrada de Campelo, en Poio. RAFA FARIÑA (ADP)
photo_camera Obras de mellora da seguridade realizadas pola Deputación este ano na estrada de Campelo, en Poio. RAFA FARIÑA (ADP)

A Xunta de Goberno da Deputación aprobou este luns unha suma de 6,9 millóns de euros para actuacións de mellora da seguridade viaria. Dese montante, 2.658.000 euros son para poñer en marcha o terceiro Plan Móvese, que se desenvolverá durante os anos 2021 e 2022. A Administración provincial deulle luz verde ao expediente de contratación que fará posible a execución de 478 obras de pasos de peóns sobreelevados e redutores físicos de velocidade en 54 concellos, unha actuación que se adxudicará por lotes e que, a maiores de propiciar unha maior seguridade, axudará a reducir as emisións de CO2.

Tal e como explicou a presidenta da institución, Carmela Silva, a Deputación fixo por primeira vez un estudo de campo para comprobar un por un todos os pasos de peóns da rede provincial de estradas. Como novidade, neste terceiro plan os técnicos da institución decidirán directamente o 48% das actuacións e non se limitarán a executar soamente as que soliciten os concellos.

Silva lembrou que o plan Móvese 1 supuxo a realización de 636 obras e a segunda edición incluíu 354, de maneira que coa terceira entrega alcanzaranse as 1.740 obras puntuais de seguridade viaria e un investimento acumulado de 7,2 millóns. Na actualidade son 54 os concellos adheridos ao plan, que botou a andar en 2016.

Ademais do Móvese 3, a Xunta de Goberno da Deputación tamén adxudicou este luns os lotes correspondentes ás zonas Norte e Centro da provincia para o mantemento e a atención de incidencias na súa rede de estradas. Os contratos, cunha duración de dous anos, permitirán o reforzo das brigadas propias. O investimento alcanzará os 3,2 millóns de euros, que se reparten entre os 1,5 millóns da zona Norte (Silleda, A Estrada, Cerdedo, Forcarei, Caldas de Reis, Cuntis, Valga, Pontecesures e Catoira), outros 800.000 euros para a zona centro (Ponte Caldelas, A Lama, Cotobade, Pazos de Borbén, Fornelos, Redondela e Soutomaior) e outros 900.000 para o Sur, que quedou pendente de adxudicar.

A marxe destes investimentos, a Deputación aprobou convenios de mellora da seguridade viaria en Meaño e O Rosal por un total de 1,1 millóns de euros.

80.000 euros de axuda para 20 escolas de música
Ademais de investimentos para mellorar a seguridade viaria, a Xunta de Goberno da Deputación tamén lle deu o luns luz verde ás subvencións ás escolas de música de asociacións sen ánimo de lucro da provincia. En total, vanse destinar 80.000 euros a 20 escolas (tres máis que o ano pasado) de entidades de 15 concellos.

A maiores, a institución provincial aprobou un investimento por importe de 340.000 euros ao abeiro do Plan Concellos para os municipios de Lalín, A Cañiza, Dozón e Cambados.

Plan Concellos
En concreto, para Lalín aprobouse unha achega de 74.500 euros coa que poderá financiar a adquisición de inmobles para a creación dun equipamento municipal no núcleo de Don Ramiro. Dozón recibirá unha achega de 25.437,96 euros coa que poderá contratar a seis persoas traballadoras e Cambados poderá contratar a 26 grazas a unha axuda de 174.453,44 euros.

Comentarios