viernes. 04.12.2020 |
El tiempo
viernes. 04.12.2020
El tiempo

A Deputación adhírese a Cidades que Camiñan e Cidades pola Bicicleta

Xente paseando en bicileta pola Illa das Esculturas. DP
Xente paseando en bicileta pola Illa das Esculturas. DP
Os concellos da rede Ágora integraranse automaticamente nas asociacións

A Deputación de Pontevedra, ao abeiro do departamento de Mobilidade e Espazos Públicos, aprobou este venres en Pleno a adhesión ás redes de Cidades que Camiñan e Cidades pola Bicicleta. O deputado Uxío Benítez destacou que ambas entidades comparten a filosofía que leva aplicando dende o pasado mandato o seu departamento, co fin de priorizar a mobilidade natural fronte á motorizada, ademais de coincidir cos principios da rede Ágora, dedicada a concellos a prol do espazo público que a institución provincial creou o pasado mes de maio.

Segundo explicou Uxío Benítez, a participación da Deputación en ámbalas entidades estatais suporá un maior compromiso coa recuperación do espazo público, así como que todos os municipios da provincia que formen parte da rede Ágora estean tamén adheridos de maneira automática beneficiándose dos seus servizos, material e persoal. O deputado nacionalista destacou que nestes momentos os concellos da provincia están en fase de aprobación interna do protocolo de Ágora, proxecto que está a ter moi boa acollida entre os gobernos locais, co obxectivo de recuperar e aumentar de forma substancial e tanxible o espazo público destinado ás persoas en lugar de aos coches.

A Rede de Cidades que Camiñan, da que nestes momentos é presidente o alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores, é unha asociación internacional sen ánimo de lucro, aberta a concellos e outras administracións públicas comprometidas coa camiñabilidade. O seu obxectivo principal é que os viandantes sexan máximos protagonistas da Mobilidade urbana e do espazo público. Trátase dunha asociación con orixe española que está integrada na actualidade por 46 cidades de 3 países (España, Portugal e México), con case 5.000.000 de habitantes, e unha das súas máximas é que camiñar debe ser o máximo expoñente do sistema de mobilidade urbana. A rede de Cidades pola Bicicleta foi creada en 2009 e abrangue 125 socios, que representan a máis de 550 municipios de todo o país.

A Deputación adhírese a Cidades que Camiñan e Cidades pola Bicicleta
Comentarios