lunes. 01.06.2020 |
El tiempo
lunes. 01.06.2020
El tiempo

A Deputación adianta as bases das achegas para a pesca, o agro e a gandeiría

Carmela Silva. GONZALO GARCÍA
Carmela Silva. GONZALO GARCÍA
A institución provincial prepara 450.000 euros para o sector primario que serán efectivos cando remate a actual crise

A Deputación de Pontevedra publicou este martes no Boletín Oficial da Provincia (BOPPO) as bases reguladoras de dúas liñas de subvencións para investimentos no sector primario para este ano 2020, por un importe total de 450.000 euros.

Por unha banda, cun orzamento de 250.000 euros, as axudas ás confrarías de pescadoras e pescadores, á federación de confrarías e ás agrupacións de mariscadoras da provincia; e, pola outra, cun crédito total de 200.000 euros, subvencións dirixidas ás cooperativas agrogandeiras.

Deste xeito, malia que ante a situación derivada pola Covid-19, o prazo de formalización de solicitudes para ambas subvencións non se abrirá ata que finalice o estado de alarma, as entidades que o desexen xa poden ir preparando toda a documentación necesaria para axilizar o proceso e ter todo listo para cando se poidan comezar a tramitar.

Deste xeito, "a Deputación está traballando arreo para poder poñer todo en marcha en canto a situación mellore, nun momento no que ante as circunstancias da actual crise sanitaria e da situación laboral que sofren numerosas traballadoras e traballadores, estas axudas convértense máis necesarias que nunca", detallan den de a institución.

BENEFICIOS. "Con estas achegas, a Deputación aposta pola economía, por un sector primario que ten un gran peso nesta provincia e que soporta coa súa actividade o sustento de moitas familias", que poden verse beneficiadas con estas axudas. Así, estas dúas liñas de subvencións "encaixan coa aposta da institución provincial polo rural e pola súa economía, dando resposta a unha urxencia social como é o despoboamento".

En concreto, no caso das confrarías, o importe das axudas van dun mínimo de 600 euros ata un máximo de 30.000 euros. Deste xeito, con estas achegas o que se pretende é axudar a levar a cabo todas aquelas accións que sirvan para apoiar ás confrarías, á federación e as agrupacións de mariscadoras da provincia en proxectos e actuacións que teñan como obxecto a comercialización e valorización das producións, a formación técnica e o asesoramento para o desenvolvemento da actividade das confrarías e da federación, a divulgación e posta en uso das novas tecnoloxías, as enerxías renovábeis e o aforro enerxético, así como material para a vixilancia das producións e investimentos para mellorar os servizos prestados.

Agro e gando. Subvencións de ata 35.000 euros
No tocante ás cooperativas agrogandeiras, as subvencións irán de 600 ata un máximo de 35.000 euros. Así, serán susceptibles de axuda as accións destinadas á recuperación e posta en valor dos recursos agrarios endóxenos de carácter agrícola e gandeiro que teñan como obxecto a comercialización, transformación e valorización das producións; a formación técnica e asesoramento para o desenvolvemento de proxectos de investigación e innovación tecnolóxica; a posta en uso das novas tecnoloxías, enerxías renovábeis e aforro enerxético e aqueles investimentos para mellorar os servizos prestados pola cooperativa.

A Deputación adianta as bases das achegas para a pesca, o agro e a...
Comentarios