Domingo. 18.11.2018 |
El tiempo
Domingo. 18.11.2018
El tiempo

A Deputación adicará o ano 2017 á reivindicación do patrimonio

Xosé Leal, onte, durante a reunión do Culturgal.
Xosé Leal, onte, durante a reunión do Culturgal.
O deputado de Cultura, Xosé Leal, anuncia o eixe temático da programación cultural do próximo curso nunha xuntanza con concelleiros e técnicos municipais de cara ao Culturgal

A reivindicación e difusión do patrimonio material e inmaterial da provincia de Pontevedra centrará o vindeiro ano cultural da Deputación. Anunciouno onte o deputado de Cultura, Xosé Leal, durante a xuntanza que mantivo con representantes dos concellos da provincia de cara á celebración da Feira das Industrias Culturais de Galicia, Culturgal, un evento que terá lugar os días 2, 3 e 4 de decembro no Recinto Feiral de Pontevedra. Así, ao igual que Castelao foi este ano o eixe temático de boa parte da programación cultural da Deputación, en 2017 serao o patrimonio.

"Como o ano que vén llo imos adicar ao patrimonio, tanto material como inmaterial, o que fixemos aquí foi explicarlle aos representantes do concellos cal vai ser a disposición do posto da Deputación no Culturgal", explicou Leal. O ano pasado, a institución provincial participou na feira cedéndolle o seu espazo aos concellos da provincia para que se promocionasen culturalmente. Participaron da iniciativa 33 concellos. "Eu creo que poderemos incrementar a cifra", indicou onte o deputado. 2Agardo que sexa así, visto o ben que funcionou a iniciativa. Neste sentido, o único que remarcamos moito é que o Culturgal non é unha feira turística. Cremos que é necesario delimitar iso moi ben: a promoción debe estar centrada no ámbito cultural". Así, quedarán fóra nesta ocasión, por exemplo, as citas gastronómicas.

A reunión que mantivo onte Leal cos representantes municipais servíu para abrir oficialmente o prazo para que os concellos da provincia participen no Culturgal 2016 a través do posto da Deputación. Ao ser o patrimonio o tema elixido para protagonizar o próximo ano cultural, o deputado pediu que as propostas para o Culturgal se centren en poñer en valor e difundir ofertas culturais relacionadas con aspectos patrimoniais. "Entendemos que o patrimonio é un campo que dá moito xogo para que todos os concellos poñan en valor os seus elementos representativos, ben a través das propias institucións, ben a través do seu tecido asociativo", asegurou o deputado, en palabras recollidas pola Deputación Provincial durante a reunión. Tamén foi durante a xuntanza que Leal animou aos concellos a darlle cabida "ás vosas asociacións e fomentar a súa presenza nesta feira, porque doutro xeito non poderían participar".

O deputado ofreceulle aos representantes municipais exemplos de elementos relacionados co patrimonio para darlles unha idea dos aspectos que poderían ter cabida no posto da Deputación: manuscritos e documentos; gravacións, filmes e fotografías; obras de arte e artesanía; monumentos ou lugares históricos; lugares arqueolóxicos; conxuntos arquitectónicos; espazos artísticos; roteiros culturais, e centros industriais e obras de enxeñería. Iso, polo que se refire ao patrimonio material. Como exemplos do inmaterial citou a lingua, os costumes, os mitos e lendas, e a música.

MICROPRESENTACIÓNS. Como novidade nesta edición, "e tendo en conta a ubicación do posto que está situado nun espazo que funciona como unha ‘praza’", sinala a Deputación, aproveitaranse determinados momentos para realizar micropresentacións de iniciativas culturais relativas ao patrimonio. "Xosé Leal expuxo a idea inicial de participación neste apartado, que consistirá en realizar bloques de presentacións que non excedan os cinco minutos".

O deputado tamén avanzou que o posto da Deputación contará con algúns cambios con respecto a 2015. "Queremos mellorar a experiencia do ano pasado", dixo. "Nese sentido imos ampliar un pouco o espacio expositivo adicado ao material impreso e imos modificar outra zona de consulta, que deseñaremos a modo de andeis que estarán ocupados por libros e publicacións sobre o patrimonio, tanto propios como de asociacións e colectivos. Por outra banda, manteremos a zona de audiovisuais".

Por segundo ano consecutivo, tamén se prestará apoio aos concellos que o soliciten a través da imprenta provincial. "O deputado aseguroulle aos asistentes que, a través deste apoio, se intentará facilitar que cada localidade teña oportunidade de dispoñer de materiais adaptados para a feira", sinala a Deputación.

Polo demais, a institución provincial volverá participar no Culturgal, ademais de cun posto institucional, cunha serie de actividades complementarias como a presentación dunha iniciativa propia na programación da feira e o patrocinio dunha gran exposición de arte contemporánea no Pazo da Cultura.

A Deputación adicará o ano 2017 á reivindicación do patrimonio
Comentarios