A Deputación adxudica case 2,2 millóns para cofinanciar os servizos sociais comunitarios

Aos concellos da comarca de Pontevedra cunha poboación de menos de 20.000 habitantes correspóndelles un total de 291.535 euros

Un dos servizos a subvencionar é o de axuda no fogar. RAFA FARIÑA
photo_camera Un dos servizos a subvencionar é o de axuda no fogar. RAFA FARIÑA

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra adxudicou o Plan de Cofinanciamento dos Servizos Sociais Comunitarios Municipais para os concellos de menos de 20.000 habitantes.

Son un total de 2.189.546 euros dos que se benefician 52 municipios, polo que a presidenta da institución, Carmela Silva, sinalou que "con este Goberno provincial achegamos o maior orzamento destinado nunca aos servizos sociais comunitarios e, grazas a isto, os concellos poden ter a estrutura suficiente para atendelos de maneira axeitada".

O obxecto do dito plan é, por un lado, financiar o servizo de axuda no fogar básico, e por outro, contratar persoal técnico para os equipos municipais de servizos sociais comunitarios con perfís profesionais diferentes e complementarios.

Silva explicou que, como novidade, ademais de achegar o maior investimento ata agora, tamén se aporta financiación a todos os concellos que ata este ano non contaban con técnicos medios.

"Axudamos así aos municipios que ata agora non podían prestar un servizo máis adecuado porque non tiñan todos os recursos humanos necesarios para garantilo. Unha vez máis, a Deputación ten como eixo prioritario a equidade e que todos os concellos da provincia reciban os recursos precisos para garantir todos os dereitos e todos os servizos", afirmou a presidenta provincial.

En concreto, a través deste perfil de técnicos medios apoiase á contratación de persoal para o servizo de educación e apoio familiar das localidades que non contaban con este servizo.

Trátase dos municipios de Fornelos de Montes, Mondariz Balneario, Oia, Soutomaior, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Moraña e Pazos de Borbén.

No que respecta ao reparto de fondos, a comarca de Pontevedra recibirá 291.535 euros que se repartirán entre Barro (31.591), Campo Lameiro (23.275), A Lama (29.786), Poio (89.618), Ponte Caldelas (40.917), Vilaboa (20.866) e Cerdedo-Cotobade (55.482).

Pola súa banda, a do Morrazo recibirá 132.457 euros, O Salnés 457.968 e O Deza percibirá 209.855, entre outras comarcas beneficiarias.

Comentarios