A Deputación aplaude que os títulos da Escola de Cantería se homologuen coa FP

A deputada Montse Magallanes insta á Xunta a que axilice o proceso para que sexa realidade o vindeiro curso despois de confirmarlle a decisión ao alumnado

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, xunto á deputada Montse Magallanes e alumnado da Escola de Cantería. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera A presidenta da Deputación, Carmela Silva, xunto á deputada Montse Magallanes e alumnado da Escola de Cantería. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

A Deputación de Pontevedra aplaude o cambio de posición da Xunta de Galicia que, despois de anos de silencio, manifestou ao alumnado da Escola de Cantería a viabilidade de homologar os títulos de cantería como ciclos formativos medios e superior. "A Xunta –dixo a deputada Montse Magallanes–, é a única Administración competente nesta materia para conseguir que o noso alumnado puidese rematar os estudos na Escola de Cantería cun título oficial baixo o brazo. Trátase dunha demanda da Deputación de hai moitos anos, polo que agora instamos ao Goberno galego a axilizar todo este proceso para que esa homologación sexa unha realidade no vindeiro curso". Así llo manifestou nun escrito remitido este xoves ao director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira.

"Nestes últimos tres anos puxemos en marcha diferentes actuacións para conseguir que a formación impartida pola Escola de Cantería, que a nivel profesional está recoñecida non só en Galicia senón en países do estranxeiro como Estados Unidos, Reino Unido ou Portugal, teña un recoñecemento académico oficial, e agora que o alumnado ten o compromiso da Xunta, a nova situación debe implantarse o curso que vén", asegurou.

INVESTIMENTO. Magallanes recordou que o antigo alumnado leva décadas reclamando a homologación dos títulos de canteiro e mestre canteiro e, non obstante, "só nos últimos tres anos, con este Goberno provincial, se están a realizar actuacións concretas para conseguilo". Desde 2015, investíronse 440.000 euros no centro educativo para conseguir a licenza como centro de formación e a posterior homologación oficial.

Xunto ás obras nas instalacións da Escola de Cantería, tamén impulsou accións relativas á actualización e formación do profesorado que imparte materias no centro. Deste xeito, "só faltaba que a Xunta dese un paso adiante, así que, como trasladou o alumnado despois da reunión co director xeral, debemos valorar positivamente ese cambio de posición", asegurou a deputada. Magallanes tamén manifestou o desexo da Deputación de Pontevedra de "recibir información directamente da Xunta de Galicia".

Comentarios