A Deputación aposta por ‘365 días en galego’

A programación da institución provincial para conmemorar o Día das Lestras Galegas e homenaxear a Xela Arias incluirá espectáculos multidisciplinares, exposicións, obradoiros para centros educativos e propostas escénicas
Carmela Silva e as deputadas María Ortega e Victoria Alonso estiveron acompañadas por Xulio Gil e Tamara Andrés. JAVIER CERVERA
photo_camera Carmela Silva e as deputadas María Ortega e Victoria Alonso estiveron acompañadas por Xulio Gil e Tamara Andrés. JAVIER CERVERA

Non un día só, senón todo o ano. Así é como propón a Deputación de Pontevedra celebrar o Día das Letras Galegas para reivindicar a lingua propia como identidade e espertar a responsabilidade persoal da cidadanía para que non deixe de falala, pero tamén de todas as institucións para que cumpran a súa obriga de fomentala.

Con estes obxectivos, o Goberno provincial presentou este venres unha programación que, baixo o lema 365 días en galego, homenaxeará a Xela Arias e incluirá actividades durante todo o ano dirixidas principalmente á xente moza: espectáculos, exposicións, obradoiros para o ensino e accións escénicas.

Para presentar este programa, a presidenta provincial, Carmela Silva; a deputada de Lingua, María Ortega, e a de Cultura, Victoria Alonso, estiveron acompañadas pola poeta e especialista en Xela Arias, Tamara Andrés, e o fotógrafo e viúvo da autora homenaxeada, Xulio Gil.

Como mestra de cerimonias, María Ortega subliñou que este 2021 o país ten a honra de camiñar na compaña de Xela Arias, a quen definiu como "unha muller brava que acubilla adxectivos como excéntrica, pioneira, rupturista, inconformista, transgresora e que defendía a liberdade (ben entendida, non deturpada como agora se fai uso desa palabra), e que xurdiu como unha nova voz na poesía galega nos anos 80 para seguir hoxe igual de vixente para a xente moza".

O Goberno provincial apela á responsabilidade de todas as institucións co galego, algo que debe ir máis alá de actos simbólicos

Ortega aproveitou a ocasión para facer unha reflexión sobre a lingua e a necesidade de responsabilidade individual para defendela non deixando de falala e de consumir cultura, productos e música en galego. Tamén fixo referencia á responsabilidade institucional co idioma propio, que debe ir máis alá dos actos simbólicos e ser un eixo transversal das diferentes áreas das administracións e non só dos departamentos de Lingua e Cultura.

Pola súa parte, Carmela Silva insistiu en que a Deputación "bota a casa pola ventá" nestas Letras Galegas "porque celebramos a nosa lingua, a nosa cultura e a unha muller", tras citar que nos últimos 50 anos só houbo cinco galardoadas.

A presidenta provincial destacou que a programación da institución recolle as propostas "dos construtores e construtoras de cultura en Galicia" e que "é un compromiso real coa lingua e a cultura e a igualdade", algo que "Xela Arias representa como ninguén". De feito, cualificouna como "un monumento a todo aquelo que queremos construír". "Era unha grande feminista, cando selo era máis difícil que agora. Era unha muller absolutamente comprometida, empoderada, que estaba de pé e se poñía no centro, que é algo que temos que seguir a facer hoxe", animou.

O fotógrafo e viúvo de Xela Arias, Xulio Gil, agradeceu no seu nome e do resto da familia da autora o traballo de difusión sobre a súa figura e a súa obra que, segundo dixo, xa quedarán recoñecidas de maneira atemporal. Gil fixo un repaso do traballo en conxunto entre a poeta e el como fotógrafo subliñando a importancia do ambiente cultural e de liberdade que se vivía no Vigo dos anos 80 para que puidera terse producido.

Quixo tamén avogar polo uso do galego e lembrar a teoría de que na emigración nunha porcentaxe alta dos suicidios teñen como marca principal o despoxo da lingua. "Isto tamén nos pasa cando nos depoxan da lingua aínda que non esteamos a quilómetros de distancia. Temos que consumir produtos de Galicia e en galego. E unha das mellores maneiras é que todos os xestos simbólicos que se fagan co idioma –en relación á programación da Deputaciónsexan homologables e de calidade para que a xente nova diga ‘isto mola’", explicou.

Comentarios