A Deputación aproba un novo regulamento de organización para o centro Príncipe Felipe

O obxectivo do documento é modernizar o complexo e "garantir un servizo público de calidade", segundo explica a deputada Eva Villaverde

Vista aérea do complexo Príncipe Felipe. DP
photo_camera Vista aérea do complexo Príncipe Felipe. DP

A Deputación aprobou no Pleno desta semana un novo Regulamento de Organización e Funcionamento Institucional (Rofi) para Príncipe Felipe. Segundo precisou a deputada Eva Vilaverde, este documetno pretende "modernizar e mellorar a xestión dos centros que conflúen na cidade infantil para garantir un servizo público de calidade aos menores".

De feito, o motivo da súa posta en marcha é a necesidade de dar cumprimento á normativa legal sobre centros con menores, pois o anterior Regulamento de Réxime Interior (RRI) de Príncipe Felipe databa do ano 2000 e, polo tanto, non podía responder nin ás esixencias da lexislación vixente nin ás novas necesidades que se viñeron producindo nas institucións de acollida nos últimos anos. Por outra banda, a nivel interno, a dirección xerente de Príncipe Felipe tamén apostou por contar cunhas pautas de organización que garantisen a actuación como servizo público e desen homoxeneidade aos métodos e aos criterios de traballo nos procesos socioeducativos.

Este novo Regulamento de Organización e Funcionamento Interno está complementado por outros documentos elaborados en 2016 e no que vai de 2017



Trátase dun documento de 340 artigos susceptible de revisión e que aspira a ser un elemento dinamizador para seguir afondando na mellora da prestación do servizo de atención aos menores en calquera das súas variantes. Así, por vez primeira desde a existencia da institución, o ROFI incorpora a obrigatoriedade de realizar procesos de avaliación da actividade como elementos imprescindibles na rendición de contas.

Este novo Regulamento de Organización e Funcionamento Interno está complementado por outros documentos elaborados en 2016 e no que vai de 2017. Algúns deles xa están aprobados, outros están en vías de revisión (como o Protocolo de acoso e abuso sexual, o de maltrato institucional ou o de violencia entre persoas menores) e outros están pendentes dunha inminente aprobación polo órgano competente (como o Protocolo de coordinación cos centros de escolarización e o Protocolo ante casos de agresión ao persoal).

"Queremos que Príncipe Felipe sexa unha referencia en atención e en funcionamento porque o noso interese é que mentres a Deputación de Pontevedra se faga cargo deste servizo, este se realice coas máximas garantías legais e de calidade da atención para os e as menores usuarias", asegurou Eva Vilaverde.

Comentarios