A Deputación aprobará o venres as expropiacións para o novo vial de Monte Porreiro

O custe dos terreos, que suman case 8.000 metros cadrados e repártense entre 32 propietarios, ascende a 432.816 euros

Trazado da futura estrada que construirán a Deputación e o Concello. DP
photo_camera Trazado da futura estrada que construirán a Deputación e o Concello. DP

A Deputación de Pontevedra aprobará no Pleno ordinario do vindeiro venres as expropiacións necesarias para construír a nova estrada de acceso a Monte Porreiro.

O custe das fincas necesarias para a nova vía está taxado en 432.816,30 euros e afectará a 7.979 metros cadrados. Ademais, será necesario dar o visto bo á declaración de utilidade pública e á urxente ocupación.

Segundo explicou o vicepresidente, César Mosquera, a institución provincial é responsable da redacción e da aprobación do proxecto, así como do expediente expropiatorio, e financiará o 70% da execución da obra; mentres que o Concello capitalino abonará o 30% do orzamento da obra, pagará as expropiacións dos terreos necesarios (432.816,30 euros) e asumirá a licitación, a dirección, a execución e a recepción dos traballos previstos. O custe total da actuación ascende a 1.570.096,80 euros.

Unha vez que se aprobe no Pleno a utilidade pública da obra e a urxente ocupación dos terreos, procederase á exposición pública do expediente expropiatorio, que deberá ser publicado no Boletín Oficial da Provincia (BOPPO) a efectos de posibles reclamacións, entendéndose aprobado definitivamente de forma automática en caso de que non se produza ningunha.

terreos. Segundo o proxecto, a liña de expropiación situouse a tres metros da arista exterior da explanación necesaria para a nova estrada, salvo na marxe esquerda da rúa Regueiriña, onde se axustará aos peches das fincas residenciais e a aqueles espazos onde haxa elementos singulares. En total, a expropiación afectará a 7.976 metros, dos que 4.726 son de solo rústico e 3.253 corresponden a solo urbano. Da superficie a expropiar, 367 metros cadrados corresponden a terreos públicos, do Concello de Pontevedra e de Adif, que non foron tidos en conta para a valoración económica.

Entre os elementos que si se consideraron para estimar o custe de terreos están, ademais das fincas, as árbores madeirables, as árbores froiteiras, as cepas e postas de viña, árbores ornamentais; cerramentos de bloques, perpiaño, pedra, formigón ou metálicos; postes de pedra ou cemento e as alambradas metálicas ou servidumes. Os terreos expropiables van dos 38 aos 630 metros cadrados e afectan a 32 propietarios.

o vial. No tocante ás características da nova estrada de acceso a Monte Porreiro, esta medirá 605 metros de lonxitude e contará coas condicións necesarias para ter un tráfico calmado e un itinerario peonil. Terá dous carrís de circulación de 3,50 metros de largo cada un, unha beirarrúa de 2,50 metros na marxe esquerda e facilitará o acceso dos peóns ata o campus universitario e o barrio de Monte Porreiro.

Así mesmo, instalarase unha nova iluminación ao longo do percorrido, colocando novos báculos e luminarias de forma que tanto a estrada como as beirarrúas, os pasos de peóns e o paso inferior queden ben iluminados.

Obxectivo: mellorar a seguranza viaria

Segundo explicou o vicepresidente da Deputación provincial, César Mosquera, a nova estrada de acceso ao barrio de Monte Porreiro pretende mellorar a seguranza viaria na zona e "retirar un tráfico improcedente e medioambientalmente agresivo da beira do río Lérez, co obxectivo de poder seguir mellorando e recuperando -dende o punto de vista medioambiental- a contorna do río para o goce de toda a cidadanía".

Por iso, a intención é priorizar a mobilidade peonil e ciclista.

PASO INFERIOR. O trazado desenvolto aproveitará o paso inferior baixo as vías do ferrocarril, xa executado polo Ministerio de Fomento, e na súa meirande parte seguirá o trazado da rúa Reguiña, ampliándoa, de xeito que se minimizarán as expropiacións e afeccións.

​No treito final, na contorna dos Campos, prevese a urbanización da área pública municipal e a reordenación do tráfico da zona.

 

Comentarios