A Deputación celebrará por adiantado o Día de Rosalía

Discurso de Xosé Leal na celebración do Día de Rosalía do pasado ano. GONZALO GARCÍA (ADP)

O acto consistirá nunha lectura institucional ▶ Todos os asistentes recibirán como agasallo un libro de poesía e unha flor

Representantes de nove asociacións da provincia protagonizarán a lectura institucional coa que a Deputación de Pontevedra quere celebrar o Día de Rosalía. Farao por adiantado, este venres (11.30 horas, entrada libre), no vestíbulo do Pazo Provincial. O día na honra da escritora festéxase oficialmente o domingo, 24 de febreiro, data do seu nacemento. Para esa xornada (12.00 horas, entrada libre) é o Concello o que organizou un acto: consiste nunha actuación de Ugia Pedreira e da Banda da Loba, no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra.

Para celebrar o Día de Rosalía deste ano "quixemos dar relevancia ás comarcas e ao tecido asociativo de toda a provincia", sinala o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, en palabras facilitadas pola Deputación sobre o acto do venres. "Por coincidir tamén co Ano da Música, a maioría das asociacións convidadas teñen relación con esta disciplina, aínda que non exclusivamente".

LUCÍA NOVÁS. Ademais dos representantes das nove asociacións (Keka Losada, María Armesto, Joaquín Cadilla, Natalia da Silva, Isabel Gulías, Cristina Acuña, Juan Maceira, Luis Villanueva e Sabela González), na lectura participarán a poeta Lucía Novas, en representación da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), o deputado Xosé Leal e a presidenta da Deputación, Carmela Silva.

Ademais, todos os asistentes ao acto recibirán como agasallo un libro de poesía editado pola Deputación Provincial dentro da colección Cíes e unha camelia da variedade Rosalía de Castro, da Estación Fitopatolóxica do Areeiro.

A Deputación leva celebrando o Día de Rosalía en Pontevedra dende 2016.