A Deputación celebrará o Día do Teatro con dúas funcións na rúa

Galeatro porá en escena a obra 'Muiñada' o día 26 en Pontevedra
Teatro

Co gallo da celebración do Día Mundial do Teatro o 27 de marzo, a Deputación de Pontevedra saca a acción escénica á rúa, con dúas funcións que se desenvolverán o venres 26 en Pontevedra e o sábado 27 en Vigo nos exteriores de ambas as dúas sedes. 

Baixo o lema A Depo Inspira Teatro, a Deputación dá visibilidade a un sector moi castigado pola pandemia con dúas representacións a cargo de Galeatro e Inventi Teatro, dirixidas a todos os públicos e que se poderán seguir tanto na rúa como en streaming. 

As fachadas do Pazo Provincial e a sede viguesa da Deputación engalanaranse cun enorme telón veneciano en cor vermella que enmarcará ambas as representacións, que se desenvolverán cun estrito protocolo anti-covid. O aforo está limitado a cen persoas no exterior do Pazo. En caso de mal tempo, as funcións trasladaríanse ao salón de plenos e á sala Rosalía de Castro, cun aforo de 40 e 30 persoas respectivamente. As persoas interesadas deberán reservar butaca no enderezo electrónico [email protected]

A primeira función estará a cargo de Galeatro, que porá en escena a obra Muiñada, o 26 ás 18 horas en Pontevedra. Trátase dunha montaxe dirixida ao público infantil e familiar (recomendada a partir de tres anos) que constitúe unha viaxe ao pasado para os nenos e nenas de hoxe. O sábado 27 de marzo en Vigo a compañía Inventi Teatro representará a partir das 12 horas, a obra A tropa do doutor Milagre.

Comentarios