A Deputación concede 900.000 euros a dúas bodegas para impulsar a agrocompostaxe

Martín Códax SA recibirá 600.000 € e Viñas e Terras do Pazo SL, 257.000 ▶ Á convocatoria presentánranse seis empresas, pero só estas dúas "cumpriron os requisitos", aclarou o presidente provincial
vendimia
photo_camera Vendima do ano pasado de Bodegas Mártín Códax. A. LORENZO

A Xunta de Goberno da Deputación aprobou este venres a mobilización de preto de 900.000 euros en axudas destinadas a impulsar a agrocompostaxe en dúas empresas da provincia.

Trátase das firmas Bodegas Martín Códax SA, que recibirá unha achega de 600.000 euros; e Viñas e Terras do Pazo SL, que contará cunha axuda de 257.015.

No caso da primeria bodega, situada en Cambados, a subvención permitirá á empresa construír as instalacións nas que compostará residuos propios. Estes equipamentos situaranse en San Salvador (Meis) e terán capacidade para compostar 3.357 toneladas de restos ao ano. 

Pola súa banda, Viñas e Terras do Pazo SL, emprazada en Tomiño, poderá  xestionar residuos propios procedentes da poda dos viñedos, restos orgánicos procedentes do comedor e biorresiduos de orixe doméstica procedentes de composteiros municipais. Neste caso, a capacidade de compostaxe calcúlase en 354 toneladas de restos ao ano.

A liña de axudas, que puxera en marcha o anterior Goberno a través do Plan Revitaliza, estaba dotada inicialmente cun orzamento de 1,5 millóns de euros. Púxose á disposición de entidades, firmas, cooperativas e persoal autónomo da provincia para axudarlles na adaptación das súas instalacións a fin de realizar a compostaxe dos seus biorresiduos "en concordancia, ademais, coa fracción orgánica dos residuos municipais da súa contorna. É dicir, aproveitar os biorresiduos da súa actividade agrogandeira e combinalos cos de orixe doméstica procedentes dos composteiros municipais para fertilizar os seus solos", tal e como detallou onte o presidente provincial, Luis López. 

As axudas estaban abertas a financiar tanto a obra como a compra da maquinaria para levar a cabo o proceso. Inicialmente, tal e como explicou López, seis empresas concorreron a esta convocatoria, pero só "dúas propostas cumpriron os requisitos", a de Martín Códax e a de Viñas e Terras do Pazo.

Comentarios