Deputación e Concello despiden o ano cun convenio de 600.000 euros

O acordo inclúe a mellora da seguranza vial no entorno do CEIP Vilaverde, así como a rehabilitación integral da subida ao Castelo, en Lérez, e da subida ao Xistro, en Salcedo

Carmela Silva e Miguel Fernández Lores durante a sinatura do último convenio do ano. DP
photo_camera Carmela Silva e Miguel Fernández Lores durante a sinatura do último convenio do ano. DP

O Concello e a Deputación despiden o ano retratando unha vez máis a súa excelente relación. A presidenta do organismo provincial, Carmela Silva, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, asinaron novos acordos económicos para a mellora das infraestruturas municipais. O convenio ascende a 600.000 euros e suporá a mellora de dúas antigas estradas provinciais nas parroquias de Salcedo e Lérez, e tamén executar o proxecto de seguranza viaria no colexio de Vilaverde, en Mourente. Estes proxectos poderán executarse ó longo do ano 2018.

Ó abeiro deste último convenio do ano, os representantes institucionais asinaron sendas addendas ós convenios de 2017 de saneamento e infraestruturas deportivas, ampliando o prazo de xustificación dos fondos até o 31 de decembro de 2018.

O novo convenio supón a rehabilitación integral do firme coa instalación das canalizacións de augas pluviais e a sinalización de dúas antigas estradas provinciais: a subida ó Castelo, en Lérez, e a subida ó Xistro, en Salcedo. Esta última xa está executada nun 50%, e queda un último tramo por facer que suporá un investimento duns 200.000 euros.

COLEXIO VILLAVERDE. O terceiro dos proxectos que se inclúe neste novo convenio é a mellora da seguranza viaria no ámbito do colexio de Vilaverde, en Mourente. É un investimento moi agardado pola comunidade escolar do centro xa que existe unha convivencia de tráfico de vehículos e peóns (principalmente escolares) que hai que solucionar.

O proxecto consistirá, basicamente, en habilitar unha plataforma única e en medidas de calmado de tráfico, cun espazo específico destinado para o transporte escolar. O Concello está ultimando esta actuación (polo que aínda se descoñece o custe final), e unha vez que estea rematado o concelleiro delegado da parroquia, Alberto Oubiña, presentarao ó Consello escolar para coñecer a súa opinión. O Concello traballa coa idea de que o proxecto se poida executar ó longo deste curso, de tal xeito que estea rematado a primeiros do vindeiro curso escolar.

Ademais, Carmela Silva e Fernández Lores asinaron dúas addendas dos convenios que ambas as dúas institucións teñen en vigor: o dos saneamentos e o das infraestruturas deportivas, ambos rubricados en 2017.

En canto ás infraestruturas deportivas, o convenio ten un importe de 1.999.372 euros destinados para a construción de dous campos de fútbol no rural: o de Chan do Monte na parroquia de Cerponzóns, e o de Gatomorto, na parroquia de Santa María de Xeve. Neste convenio o Concello financia o 20% e redacta os proxectos, e a Deputación achega o 80% do financiamento.

Outro dos convenios prorrogados foi o dos saneamentos do río Gafos e de Mourente (estrada xeral N-541). Neste acordo, Concello e Deputación asumen financiar o 50% das obras e ten un importe de 2.114.157 euros. A obra consiste en incrementar a capacidade do colector que recolle as augas fecais dende Vilaboa e do polígono industrial da Reigosa, acadar a estanquidade dos pozos para evitar que entre a auga do río e retirar o colector do Gafos pasándoo ás marxes do río pola senda.

Neste segundo convenio tamén se incluía o saneamento de Mourente, na estrada de Ourense N-541. Dá servizo a 160 vivendas en Mourente e Bora.

Comentarios