A Deputación contratará unha asistencia para xestionar máis proxectos europeos

O orzamento do "acordo marco" é de 3,08 millóns de euros e terá unha vixencia de catro anos
Sinatura de convenios para proxectos europeos de eficiencia enerxética en 2019. ADP
photo_camera Sinatura de convenios para proxectos europeos de eficiencia enerxética en 2019. ADP

A Deputación de Pontevedra quere seguir potenciando a captación de fondos europeos, unha área para a que en decembro de 2021 tamén contratou a unha nova directora. Agora, ante as posibilidades que ofrece o Plan de Recuperación e outros programas, a Xunta de Goberno aprobará este xoves o expediente dun acordo marco para a contratación dun servizo de consultoría e asistencia técnica que permita potenciar e planificar a presentación de candidaturas e o seguimento de novos proxectos financiados por Europa, co fin de contar cos recursos necesarios para presentar proxectos, facer o seu seguimento e xustificar as subvencións. Esta asistencia permitirá á Deputación "ser máis áxiles, eficaces e presentar moitos máis proxectos", afirmou a presidenta provincial, Carmela Silva.

O acordo marco terá unha vixencia de catro anos e un orzamento de 3.080.280 euros e abrirase unha convocatoria pública á que poderán concorrer consultoras externas especializadas.

Silva anunciou o martes este proceso ao mesmo tempo que explicou que a Deputación leva mobilizados nestes últimos anos máis de 15,3 millóns de euros coas axudas do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), que permitiron desenvolver proxectos en 55 municipios da provincia.

No que respecta a accións de eficiencia enerxética, na primeira convocatoria do Programa Operativo Sostible recibiron financiamento proxectos de 43 concellos (entre outros, substitucións de luminarias por outras LED ou de caldeiras de gasóleo por outras de biomasa en edificios públicos), que mobilizaron 4 millóns de euros e supuxeron un aforro de enerxía do 52%, así como unha reducción de custes para os concellos, "sobre todo nun momento no que a suba de prezos está dificultando moito a xestión municipal", sinalou Carmela Silva. Ademais, reducíronse as emisión en 1.878 toneladas de CO2 ao ano. Na segunda convocatoria mobilizáronse 7,3 millóns para actuacións en 35 municipios e unha entidade menor, cun aforro de enerxía do 52% e a redución de emisións en 2.930 toneladas anuais de CO2.

Ademais, en materia de infraestruturas mobilizáronse ata o momento 4 millóns para actuacións de mobilidade segura e amable.

Comentarios