"Parálise". O portavoz provincial do PSOE, Carlos López Font, definiu así este mércores os dous primeiros meses do novo goberno da Deputación, en mans do Partido Popular. "Hai un ‘frenazo’ en seco dende que Luis López é presidente, que se traducen en que non se licitou nin unha soa obra e tan só se puxo en marcha unha política de fume baseada en apropiarse con total desvergoña dos proxectos xestionados polo anterior Goberno provincial por un valor total de oito millóns de euros: máis de 5,2 millóns enobras para concellos de toda a provincia e outros 2,6 millóns en fondos europeos", afirmou.
Font cuestionou a independencia de López, do que lembrou que chegou á Presidencia da entidade provincial tras facer renunciar a 16 concelleiros de Rodeiro. "A Deputación converteuse nunha sucursal da Xunta na que Rueda ten o mando a distancia. A chaqueta de presidente da Deputación quédalle moi grande", asegurou.
O socialista asegurou que Luis López carece de axenda e que só asiste a "misas, procesións, feiras e festas". "Ademais, as redes sociais caeron en mans partidistas e nelas volven a aparecer fotos de deputados delegados con voceiros da oposición popular nos concellos, sen avisar aos alcaldes, rompendo así co respecto institucional que protagonizou os dous últimos mandatos", dixo en referencia ao bipartito formado por PSOE e BNG, que dirixiu a Deputación nos últimos oito anos.
Font fixo fincapé na parálise administrativa do perfil de Contratación da nova Deputación, "que agora está inmóbil". "Pasouse de tramitar entre 50 e 60 expedientes mensuais á inactividade máis absoluta. Ademais, hai deputados delegados que aínda non pisaron as oficinas que xestionan, provocando o asombro maiúsculo do persoal", engadiu.
O voceiro socialista referiuse tamén ás recentes visitas ao Pazo de Lourizán e á Escola de Cantería, no que, segundo el, se venderon "supostos investimentos millonarios". Font lembrou que os tribunais condenaron á Xunta a investir cartos na restauración do Pazo de Lourizán e indicou que a homologación de estudos de canteiro que a esquerda defendeu no pasado, e que agora se recoñecerán a través da Consellería de Educación, "era a folla de ruta correcta".
Santa Clara
O PSOE tamén cargou contra o vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, que é o líder do principal partido da oposición no Concello. E fíxoo referíndose a Santa Clara. "Puxeron en marcha unha manobra de distracción", dixo Font, que sinalou que Domínguez criticou a operación de compra do antigo convento "e mesmo acusou ao Concello de Pontevedra de regalar a Vigo o cenobio pontevedrés, cunha falta de rigor inverosímil".
A Xunqueira de Alba tamén foi obxecto de análise por parte do socialista. A anterior Deputación, en mans de PSOE e BNG, impulsaron as obras de desmantelamento e traslado do Parque de Maquinaria e da Imprenta Provincial para recuperar os terreos situados a carón da Xunqueira de Alba. Neste sentido, Font reclama á Xunta que dea pasos para liberar as sedes que ten ao lado deste humidal, que está protexido polo seu valor natural.
Plan concellos
Carlos López Font defendeu o Plan Concellos do anterior Goberno provincial, que tiña como obxectivo distribuír de maneira equitativa fondos a todos os concellos da provincia, respectando a súa autonomía para decidir que obras ían priorizar. "Téñenlle alerxia aos plans regrados da anterior Deputación porque saben que eramos a Deputación de toda España que máis fondos transfería aos concellos", subliñou.
"Ata tiveron a cara dura de dar roldas de prensa e de facerse fotos co alumnado para colgarse medallas", dixo en referencia aos fondos europeos logrados polo equipo da anterior presidenta, Carmela Silva, para o programa Erasmus+.
Queixas pola sala habilitada para o PSOE no edificio de Educación
O portavoz do grupo provincial do PSOE, Carlos López Font, fixo unha queixa formal diante da Deputación pola situación da sala de prensa que ten a oposición para celebrar roldas de prensa no edificio de Educación, situado a carón do Pazo Provincial. O socialista denunciou que o espazo estba nunha situación «insalubre», acumulando material de oficina e suciedade.
Baltarización
O PSOE di que o novo Goberno da Deputación se caracteriza pola "baltarización".