A presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o investigador do CSIC-INCIPIT César Parcero presentaron o venres o proxecto que ambas institucións van desenvolver este ano e en 2024 -do que Parcero é ademais coordinador- no marco do convenio para a realización de actividades para a difusión, protección e fomento do valor cultural dos bens patrimoniais da provincia, dotado de 270.000 euros. Constará de intervencións en espazos de interese arqueolóxico, charlas e conferencias e a recuperación de materiais do Castro de Bendoiro.
Silva avanzou que o proxecto terá continuidade e puxo en valor o seu "carácter democrático", xa que "contactamos cos concellos con xacementos para informalos do proxecto, e aqueles que mostraron interese foi cos que acordamos os lugares de intervención", dixo.
Pola súa banda, César Parcero asegurou que este convenio "é unha achega moi interesante, por parte dun organismo público, para axudar aos concellos e á cidadanía a coñecer mellor os sitios patrimoniais do seu arredor e darlles un valor social que enriqueza as súas formas de vida".
Tres liñas
A principal liña de actuación incluída no proxecto é a de intervención en espazos de interese arqueolóxico da provincia. Entre este ano e o próximo, o persoal do INCIPIT fará oito actuacións de campo, catro xa neste ano na Illa de San Sadurniño (Cambados), as Torres de Oeste (Catoira), Castrolandín (Cuntis) e os Chozos do Alén (Fornelos). En 2024 actuarase no Castro de Garellas (Forcarei), os Petróglifos de Gargamala (Mondariz), o Cano dos Mouros (Oia) e Castro Alobre (Vilagarcía).
Serán intervencións de mínima invasión, capaces de proporcionar información sen producir grandes impactos con técnicas como a teledetección con drons ou prospeccións xeofísicas do subsolo. Ademais, estudaranse materiais de intervencións recentes ou que se conserven en museos da provincia (Museo de Pontevedra), organizaranse charlas ou visitas guiadas e tamén montaxes expositivas.
Conferencias
A segunda liña é a de charlas e conferencias para a divulgación do coñecemento científico á sociedade en sete centros de ensino e dous centros públicos. Carlos Otero Vilariño impartirá a conferencia Banquete na Lanzada (dieta e cultura material galaica) no IES de Vilalonga (Sanxenxo); María G. Faro intervirá no IES de Poio para falar sobre Machados da Prehistoria recente na costa pontevedresa. Chatarra ou tesouro; César Parcero impartirá conferencias no IES Pazo da Mercé (As Neves) e no IES de Coruxo en Vigo, e Xosé Lois Armada falará sobre Ovellas, touros e porcos: Sacrificios de animais na idade de Ferro no IES Val do Tea e sobre Ouro, estaño e bronce: traballando o metal nos castros galaicos no Pazo de Liñares (Lalín). Ademais, Cristina Incio del Río impartirá unha coferencia no IES Chano Piñeiro (Forcarei), Noemí Sánchez farao no IES San Paio (Tui) e Laura Muñoz na sede da Deputación en Vigo.
Exposición permanente do Castro de Bendoiro
Deputación e INCIPIT-CSIC colaborarán para estudar e restaurar unha selección de materiais procedente das intervencións efectuadas no Castro de Bendoiro (Lalín) en 2006 e 2007, cos que se elaborará unha exposición no Pazo de Liñares. A mostra é moi representativa dos asentamentos humanos na comarca de Deza, onde se atopan xacementos ocupados durante períodos extensos de tempo, e inclúe un arame de ouro, un brazalete de cobre, fíbulas ou colgantes de bronce, unha moeda romana ou vasos cerámicos. Estes materiais son de diversas épocas, como o Calcolítico, a Idade de Ferro ou o mundo romano.
César Parcero detallou esta actuación, xurdida a raíz dos traballos do AVE. "Queremos recuperar os materiais para que se poidan expoñer permanentemente no Pazo de Liñares. É o lugar natural onde ser expostos e gozados pola cidadanía, xa que é o máis próximo a onde foron atopados e onde podemos ofrecer un relato moito máis interesante"», asegurou.