A Deputación dá un paso adiante para recuperar o espazo da Xunqueira de Alba

O Pleno provincial dá luz verde a unha modificación de crédito destinada en parte a financiar a actuación ► A Corporación aproba por unanimidade o convenio para o novo vial de Montecelo
Parque de Maquinaria e Imprenta Provincial na Xunqueira de Alba. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Parque de Maquinaria e Imprenta Provincial na Xunqueira de Alba. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

A Deputación deu onte un paso máis de cara á recuperación ambiental da Xunqueira de Alba. O Goberno provincial aprobou no Pleno, cos votos a favor do PSOE e o BNG e a abstención do PP, unha modificación de crédito destinada, entre outras cousas, a financiar a eliminación das instalacións que actualmente ocupa o Parque de Maquinaria nunha das marxes do río Rons e recuperar o espazo natural desa contorna, ademais de construír un novo parque de maquinaria no polígono industrial de Outeda-Curro.

A actuación, cuxos proxectos técnicos xa están redactados, está orzamentada en 3,7 millóns de euros (550.000 máis do previsto inicialmente) e o Goberno da Deputación expresou o seu compromiso para levala a cabo, algo para o que espera que as demais administracións respondan coa mesma implicación.

As outras accións que se sufragarán coa modificación de crédito son o reforzo do programa Prácticum Depo, a dinamización do viveiro de empresas de Barro e melloras de seguridade viaria nas estradas provinciais.

Ademais deste punto, o Pleno tamén lle deu o visto bo, neste caso por unanimidade, ao convenio de colaboración entre a Deputación e o Concello de Pontevedra sobre o novo vial de acceso a Montecelo. A estrada, de 830 metros de lonxitude, rodeará o complexo hospitalario, partindo fronte ao pavillón de Príncipe Felipe e rematando xunto ao actual aparcamento ao aire libre do hospital. A obra custará 1,4 millóns de euros.

O bipartito rexeita as mocións do PP
A parte que máis debate xerou no Pleno foron as mocións presentadas polo PP, unha delas para reclamar ao Goberno central que inclúa aos concellos de menos de 50.000 habitantes nos fondos europeos para mobilidade.

Esta foi rexeitada polo Goberno provincial, que aclarou que esta primeira convocatoria de axudas Next Generation vai destinada á descarbonización das cidades e aglomeracións urbanas onde se producen os grandes fenómenos de contaminación do aire, polo que "está xenericamente dirixida a cidades de máis de 50.000 habitantes porque son as que teñen competencia en transporte urbano e, ademais, están obrigadas a crear zonas de baixas emisións".

"Falta de talante"
Non obstante, o voceiro popular, Jorge Cubela, lamentou "a falta de talante" de PSOE e BNG por rexeitar unha moción que "defende os intereses dos concellos" para contar "cunhas axudas europeas que suporían unha inxección económica para que poidan avanzar na modernización das súas infraestruturas", pero "o que recibimos é un reparto desequilibrado que aumentará as diferencias entre o territorio co beneplácito deste Goberno provincial", dixo.

A segunda moción do PP reclamaba á Deputación asistencia técnica e financeira para que os concellos elaboren os seus plans de emerxencia. Neste caso, o Goberno provincial presentou unha emendada para que a Xunta, "en cumprimento do previsto na Lei de Administración Local de Galicia", dote aos concellos de financiamento suficiente para exercer as novas competencias que o Goberno galego lle encomenda pola vía da lexislación sectorial autonómica. Unha vez que a emenda non foi aceptada polo PP, a moción quedou rexeitada polos grupos do PSdeG-PSOE e BNG.

Comentarios