A Deputación destina 11 millóns de euros á mellora de viarios municipais

DepoRemse vai dirixido a concellos de menos de 50.000 habitantes e procura a mellora da seguridade e accesibilidade dos viais

Carmela Silva. DP
photo_camera Carmela Silva. DP

A Deputación de Pontevedra promove un novo plan provincial, DepoRemse, de Remodelación e Mellora da Seguridade dos viarios municipais dos concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes. Está previsto que o Goberno provincial dea luz verde no Pleno do venres a esta iniciativa que prevé destinar 11 millóns de euros ós municipios, dos que 7 achéganse este ano e 4 no ano 2019.

Co Plan DepoRemse serán os concellos os receptores do financiamento da Deputación, «dando resposta a unha demanda xeralizada: recursos para poder realizar proxectos nos viarios municipais baixo as premisas de seguridade viaria, mobilidade e accesibilidade», subliñan.

DepoRemse pretende ser un novo instrumento de cooperación a través da asistencia económica aos concellos en materia de infraestruturas viarias, e «cumpre co obxectivo de desenvolver unha mobilidade sustentábel que dea prioridade á seguranza e a mobilidade peonil en calquera vía. De feito, falamos dun plan que segue a política de mobilidade da institución e que xira arredor da planificación en materia de mobilidade e do investimento no deseño de infraestruturas máis seguras e accesibles.

Polo miúdo, o plan pretende que os concellos poidan remodelar as súas rúas e viarios a fin de facilitar a comunicación entre os espazos de emprego e dotacionais de uso social, sanitario ou educativo, así como para mellorar aqueles trazados que soportan unha alta densidade de tráfico. Deste xeito, as actuacións subvencionables deberán realizarse en rúas ou viarios municipais ou en bens ou terreos nos que se acredite a titularidade ou se dispoña dun dereito de uso ou cesión.

ACTUACIÓNS. Segundo explica o ente provincial, as actuacións poden enmarcarse en dous eixos: a mellora da seguridade viaria en rúas e viarios locais urbanos, mediante a instalación de pasos de peóns sobreelevados e redutores físicos de velocidade; ou actuacións integrais de mellora da mobilidade e da seguranza viaria na contorna de centros de elevada atracción nas que se inclúen proxectos para actuacións integrais de mellora de todo tipo de mobilidade e de seguranza viaria nas vías e espazos públicos municipais.

As subvencións outorgaranse por concorrencia competitiva en función de criterios de poboación, de extensión da rede viaria de titularidade municipal, de densidade de poboación e da importancia da calidade e do grao de madurez dos proxectos. Segundo as bases, o financiamento solicitado para cada proxecto (un por cada concello) deberá ser como mínimo de 50.000 euros e como máximo de 500.000 euros. Todos os proxectos deberán referirse a obras completas e ser aprobados polo órgano competente do concello. E as actuacións deberán estar executadas a 30 de xuño de 2020.

Comentarios