A Deputación exporta o 'modelo Pontevedra' ante 300 concellos cataláns

Mosquera defende, nunhas xornadas, que o espazo público "é un dereito básico das persoas e non dos coches" ►Ademais, o Diari de Sabadell explica por que a cidade quere ser como a Boa Vila

Cesáreo Mosquera (segundo pola dereita), durante a súa intervención na xornada Contorna urbana e saúde. DP
photo_camera Cesáreo Mosquera (segundo pola dereita), durante a súa intervención na xornada Contorna urbana e saúde. DP

"O principal problema das cidades é a velocidade e cantidade de velocidade mecanizada". O vicepresidente da Deputación, César Mosquera, comezou así este mércores a súa conferencia na xornada Contorna urbana e saúde organizada pola Diputació de Barcelona á que asistiron unhas 300 persoas do ámbito político e técnico chegadas de concellos de toda Cataluña.

O vicepresidente Mosquera subliñou que é preciso poñer un límite ao consumo da velocidade e cantidade de vehículos motorizados, xa que do contrario "destrozará as cidades". Indicou que as solucións ao problema pasan por atacar o problema central con criterios claros en lugar de tomar solucións desesperadas que está demostrado que non funcionan. Para o nacionalista é fundamental un cambio de idea sobre o que é a ocupación do espazo público, o que el considera un dereito básico e fundamental "das persoas e non dos coches".

Sobre esa premisa, dixo Mosquera, hai que facer que nas cidades só entren os coches por cuestións de necesidade e servizos. "O espazo público é un dereito fundamental, como a sanidade e a educación. É un dereito das persoas que as administracións debemos garantir. E hai que ter claro que primeiro debe resolverse a cidade como tal e logo a súa mobilidade", advertiu.

"O MODELO PONTEVEDRA". Neste sentido, Mosquera subliñou que a Deputación está a intentar estender este modelo e filosofía de mobilidade iniciado na capital pontevedresa por todos os concellos da provincia. Subliñou, ante preguntas do público que, de feito o modelo Pontevedra é un conxunto de teorías e criterios "que nós non inventamos". "Este modelo é perfectamente exportable, dá igual a unha cidade pequena ou grande, porque o que se debe exportar son as ideas nas que se sustenta, e logo, evidentemente, aplicalo segundo as características de cada lugar", apuntou o vicepresidente, que insistiu –unha vez máis– na necesidade de determinación política para implementalo con coherencia.

Todas estas argumentacións de Mosquera foron complementadas por outros dos relatores da xornada organizada pola Diputació de Barcelona, que seguiron destacando a importancia de recuperar o espazo público en detrimento dos coches e como isto repercute na saúde da poboación.

'Por que Sabadell quere ser como Pontevedra?'
O Diari de Sabadell publicou unha noticia esta mesma semana na que responde á pregunta de por que a cidade catalana "quere ser como Pontevedra".

O texto, do que se fixo eco o concelleiro de Mobilidade do Concello pontevedrés, Demetrio Gómez, na súa conta de Twitter, describe algunhas das medidas máis recoñecidas do modelo urbano da Boa Vila, como o proceso de peonalización nas rúas céntricas, a limitación de velocidade para os coches ou a iniciativa do Metrominuto.


"CIDADES PARA A XENTE". Outra das relatoras da xornada, a directora de programa do Instituto Gehl, Jennifer Garner, subliñou que os espazos públicos das vilas "teñen un impacto no que somos como sociedade e poden dicir en que se apoia a vida pública de cada lugar". A neoiorquina subliñou que o denominador común das actuacións no medio urbano debe ser a persoa para vincular os deseños e usos aos seus intereses, fomentando a conectividade e a interacción social. "Hai que deseñar as cidades para a xente e fomentar a participación neses espazos", insistiu.

Por outra banda, tamén falou a subdirectora do departamento de saúde da cidade de Nova Iorque, Aletha Maybank, que explicou as medidas prácticas que ten adoptado o goberno local para desenvolver espazos máis amables e saudables para as persoas nunha urbe de grandes dimensións como a americana.

Todos estas conferencias foron escoitadas polos participantes na delegación de concellos convidados pola Deputación á viaxe formativa sobre mobilidade que se está a celebrar estes días en Cataluña, e onde ademais de polo vicepresidente Mosquera, os represenantes municipais están acompañados polo deputado de Mobilidade Uxío Benítez. Mañá será a quenda da visita á feira Smart City, onde terán unha recepción organizada pola DiBa.

Comentarios