A Deputación homenaxea por vez primeira os represaliados do 36

Recordará a sete funcionarios e políticos. A cita será este sábado, 80 aniversario dos dez fusilamentos de Campañó
José Luis Adrio, Xosé Leal e Cubana Fernández, este xoves
photo_camera José Luis Adrio, Xosé Leal e Cubana Fernández, este xoves

O Pazo Provincial de Pontevedra foi nun tempo unha casa na que o mundo se puxo do revés. Os traidores xulgaban aos fieis á legalidade dunha República interrompida por un golpe de Estado militar ao que seguiu unha cruenta represión. Explicouno onte o deputado provincial de Cultura e Lingua, Xosé Leal, durante a presentación do primeiro acto que o ente provincial adica á reparación da memoria das vítimas da represión franquista, onde estivo acompañado polos familiares de represaliados Cubana Fernández e José Luis Adrio, que falou do papel de "todas as persoas que sufriron a barbarie para defender a liberdade, a democracia e a República".

A Deputación de Pontevedra honrará aos cargos políticos e funcionarios represaliados, sete homes condenados ao exilio, a penas de cárcere e mesmo á morte polas súas ideas. A homenaxe, que terá lugar mañá a partir das 12.30 horas no Pazo Provincial -testemuña de torturas e consellos de guerra- busca reparar a memoria de cinco presidentes do ente provincial (na parte baixa desta páxina) e máis dous funcionarios que padeceron as consecuencias do alzamento fascista. Deste xeito, os presidentes provinciais homenaxeados serán Bibiano Osorio Tafall, Amancio Caamaño, Joaquín Maquieira, José Adrio e Maximiliano Pérez.

Os outros homenaxeados son Ramiro Paz, fusilado, e José García Vidal, suspendido de emprego e soldo por defender a Bóveda

OS PRESIDENTES. Osorio Tafall foi presidente provincial en 1931 e tivo que exiliarse en México tras a vitoria dos falanxistas na Guerra Civil. Faleceu ao outro lado do Atlántico e foi proposto por Adolfo Suárez para presidir a Xunta preautonómica pero non aceptou o cargo. Amancio Caamaño estivo á fronte do ente provincial entre 1931 e 1932, logo sería gobernador civil, cargo que desempeñaba no momento do golpe. Foi fusilado o 12 de novembro de 1936 tras pasar meses encarcerado no actual Edificio Administrativo do ente provincial. Joaquín Maquieira era farmacéutico e presidiu a Deputación entre 1933 e 1934. Militaba en Izquierda Republicana e foi fundador do Centro Republicano de Pontevedra. Tras a sublevación militar foi detido e encarcerado en San Simón. Ao saír exiliouse no Uruguai, onde pasou o resto da súa vida. José Adrio foi presidente da Deputación durante uns días en marzo de 1936. Foi un dos dez fusilados de Campañó.

Maximiliano Pérez Pego era xornalista e membro da Orga. Era o presidente da Deputación cado se produciu o golpe de Estado militar. Nese momento foi detido e xulgado. Porén, o xuízo non se puido rematar porque faleceu durante a súa estancia no cárcere a causa da enfermidade.

Por outra parte, os funcionarios homenaxeados son Ramiro Paz, membro da Comisión Xestora de 1936 que tamén foi asasinado nos fusilamentos dos que mañá se cumpren 80 anos, e José García Vidal, asesor xurídico suspendido de emprego e soldo por acudir como testemuña ao xuízo a Alexandre Bóveda. A súa neta, Cubana Fernández, defendeu onte a actuación de seu avó contando a verdade porque que entendía que "ser avogado é estar ao servizo da Xustiza sempre".

O acto comezará ás 12.30 horas coa descuberta dunha placa que «fai referencia á historia negra destes edificios» (no Pazo Provincial celebrábanse consellos de guerra e o actual Edificio Administrativo foi convertido en cárcere tras o golpe militar do 36). Despois, o salón de plenos da Deputación celebrará un acto no que falarán o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal; a xornalista e escritora Montse Fajardo; algúns familiares das vítimas como Begoña Caamaño (neta de Amancio Caamaño) e a presidenta da Deputación, Carmela Silva. O evento contará coa actuación musical de Quinteto Rubato.

Comentarios