A Deputación impulsa unha campaña que visibiliza o labor das mulleres do mar

Silva volve reclamar que as profesionais do sector teñan "moito máis peso nas confrarías e nos órganos de dirección"
photo_camera Silva presentou a campaña xunto a Isaura Abelairas e varias representantes do sector.

Elas son a forza do Nadal é o nome da campaña impulsada pola Deputación con Anmupesca (Asociación Nacional de Mulleres da Pesca) para visibilizar a contribución das mulleres "a un sector tan estratéxico na provincia de Pontevedra como é o mar". Así o sinalou a presidenta provincial, Carmela Silva, que compareceu acompañada da deputada de Igualdade, Isaura Abelairas; a presidenta de Anmupesca, Rita Míguez, e varias representantes das confrarías de Arcade e Pontevedra e da Asociación de Redeiras O Cerco de Cangas.

Segundo sinalou Silva, a iniciativa serve para "poñer rostro e dar voz a todas as mulleres do mar", pois indicou que desenvolven "un traballo moi duro e é unha obriga estar ao lado delas; teñen un papel fundamental".

A dirixente da Deputación volveu reclamar "que estean nas entidades organizadas do mundo do mar e teñan moito máis peso nas confrarías" e dixo que "as mulleres temos que estar en todos os órganos de dirección, por iso non podo entender que se cuestione isto, porque é o xusto", afirmou.

A iniciativa, titulada 'Elas son a forza do Nadal', vaise difundir a través de Internet, en mercados, concellos e centros educativos

A campaña tamén busca concienciar ás persoas consumidoras de que as materias primas das Rías Baixas son froito dun traballo "moi esixente, moi físico e no que moitas mulleres se xogan ata a súa integridade física", indicou Silva, que tamén subliñou o papel destas profesionais, "que coidan das nosas rías e se encargan de que sexan sostibles, porque son o sustento da súa actividade".

Elas son a forza do Nadal segue a liña do proxecto Sustentabilidade en feminino que está a impulsar a Deputación xunto á Universidade de Vigo e vaise ver na web e redes sociais da institución e tamén en televisións locais, en mercados e establecementos de alimentación, concellos e centros educativos.

Pola súa banda, Rita Míguez agradeceu o apoio e a iniciativa "que pretende homenaxear e dicir á sociedade que detrás dun percebe, ameixa e do bo peixe que chega ás mesas hai mulleres traballadoras que loitan e traballan nun sector moi duro". Neste eido, Míguez tamén reivindicou que "levamos moitos anos demandando a visibilidade das mulleres que estamos no sector da pesca. Somos moitas e temos presenza en toda a cadea de produción", dixo.

A campaña complétase con outras accións que a Deputación de Pontevedra impulsou con motivo destas festas, como Este Nadal saborea Rías Baixas, Xoguetes sen estereotipos de xénero ou Nadal sostible.