A Deputación inclúe seis novos filmes en 'Pontevedra, plató de cinema'

A produción de Matriuska, Matria, de Álvaro Gago, é unha das películas que apoiará a entidade
undefined
photo_camera A presidenta da Deputación, Carmela Silva, mostrando o abano vermello que se repartirá na gala de Vigo. DEPUTACIÓN

Seis novos filmes serán patrocinados pola Deputación no marco do programa Pontevedra, plató de cinema. Trátase de dúas curtametraxes e catro longametraxes, que xa teñen asignados 60.000 dos 90.000 euros que se destinan ao programa este ano. Os 30.000 que quedan pendentes irán, segundo dixo a presidenta provincial, Carmela Silva, a proxectos que se presenten de aquí a finais de ano.

Carraxe, de Muriel Pernas, e Sandwich Cat, de David Fidalgo Omil, son as dúas curtas seleccionadas para o programa. Recibirán 3.000 euros cada unha.

De entre as longametraxes, destaca Matria, de Álvaro Gago, unha película da produtora pontevedresa Matriuska cun importante compromiso coa igualdade: máis do 50% do equipo é feminino. Outorgáronselle 15.000 euros, a mesma cantidade que recibirá o filme de animación Valentina, de Chelo Loureiro, e San Simón, de Miguel Ángel Delgado. A última longa incluída no programa da Deputación, que ten por obxectivo impulsar o cine feito na provincia, é Cando toco un animal, o debut cinematográfico de Ángel Filgueira. Recibirá 9.000 euros.

Carmela Silva lembrou que para optar ás subvencións de Pontevedra, plató de cinema é necesario que as películas estean rodadas en galego e que polo menos o 50% dos escenarios sexan na provincia de Pontevedra.

O ano pasado, o programa apoiou catro títulos: Nación, Negro púrpura, 9 fugas e Devolvendo o golpe.

O Centro Social de Afundación en Vigo acollerá a gala de Mulleres no foco
O xoves 23 de setembro (19:00 horas), o Centro Social de Afundación en Vigo acollerá a gala de entrega de premios de Mulleres no foco, unha iniciativa da Deputación de Pontevedra e da Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais (CIMA), que ten por obxectivo reivindicar o traballo realizado polas mulleres no sector do audiovisual.

Dun total de 14 candidaturas presentadas aos galardóns seleccionaranse tres para recibir os premios por parte dun xurado especializado e de distintas entidades do audiovisual. Daranse a coñecer o día da gala. Cada galardón está dotado con 3.000 euros e cunha peza realizada pola artista plástica Pilar Alonso. As presentadoras do acto serán Neves Rodríguez, Mela Casal e Sheyla Fariña.

Guadi Galego
Durante a entrega de premios, na que tamén participará a realizadora Chelo Loureiro, de CIMA, actuará a cantante e compositora Guadi Galego. Carmela Silva contou onte que durante a gala se proxectarán dous audiovisuais: un con extractos de traballos de tres directoras galegas, A illa das mentiras, de Paula Cons; Arima, de Jaione Camborda, e A poeta analfabeta, de Sonia Méndez; e outro con intervencións de todas as mulleres finalistas aos premios. A Deputación tamén repartirá entre todos os asistentes ao evento un abano vermello, semellante ao que o movemento #MeToo levou a outras galas de cine como a dos Goya.

Comentarios