A Deputación inicia con dous millóns o plan Apearse para reformular as paradas de bus

► O programa, que extenderá ás marquesiñas o modelo de mobilidade amable e segura, xa recibiu 90 propostas de actuación de 28 concellos
Infografía dunha parada de transporte público deseñada co plan Apearse. DP
photo_camera Infografía dunha parada de transporte público deseñada co plan Apearse. DP

Apearse (Accesibilidade Peonil ao Autobús Segura) é o nome do novo plan que presentou o venres a Deputación de Pontevedra, co obxectivo de aplicar ás paradas de transporte público o modelo provincial de mobilidade amable, sostible e segura.

Para poñer en marcha a primeira fase, a institución que preside Carmela Silva adicará dous millóns de euros de fondos propios e xa recibiu 90 propostas por parte de 28 concellos para actuar en marquesiñas de bus. Tal e como explicou a dirixente, a Deputación está a estudar as actuacións solicitadas e a selección farase en función das condicións de cada espazo, para abordar os proxectos ao longo deste ano e iniciar as obras a principios de 2024.

En palabras de Silva, "imos ir máis alá da simple substitución das marquesiñas existentes. Actuaremos en todo o espazo onde están instaladas" cos obxectivos de permitir a accesibilidade peonil segura ao autobús, embelecer e facer humanos estes espazos e xerar un modelo de mobilidade que permita reducir o Co2 ao propiciar que a xente se mova en transporte público e poida acceder a el en condicións óptimas.

Catro modelos

O deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, detallou que haberá catro modelos de actuacións que darán resposta "ás condicións de cada área, caso por caso" dependendo "da realidade física e as condicións dos mesmos", para o cal se fará "un estudo puntual" de cada un. Tal e como sinalou, un dos modelos está centrado nunha plataforma illada con parada no carril de circulación, pensado para aquelas zonas onde a densidade de tráfico é máis baixa; outro, tamén para estradas con intensidade de circulación baixa, ampliará as beirarrúas existentes ocupando as bandas de aparcamento; a terceira proposta, xa para estradas con densidade importante, incorpora un carril específico para autobús, con cuñas de acceso, un espazo seguro para zona de espera e un carril con dimensións axeitadas para o bus; e o cuarto modelo é similar ao anterior, pero coa diferencia de que o espazo de detención do bus detráese da banda de aparcamento e as cuñas de entrada e saída están sinalizadas horizontalmente na calzada.

Proceso

Segundo explicou a presidenta, os trámites para iniciar a execución deste plan levarán en torno a dez meses "para comezar xa no 2024 as obras".

Trala recepción das propostas, o seguinte paso serán as visitas de campo que realizará o equipo técnico da Deputación nos vindeiros días ás 90 localizacións e, nun prazo de dous meses, decidir as primeiras actuacións.

A continuación, procederase ao levantamento topográfico para concretar as necesidades dos espazos e, a partir de aí, realizarase no prazo de mes e medio un anteproxecto no que quedarán exactamente determinadas as necesidades. Remitirase logo a documentación aos concellos coas necesidades de terreos (se son necesarios) e redactaranse os proxectos construtivos.

O da Xunta "non é tan potente nin o financian con fondos propios"

O plan Apearse presentado onte é un paso máis no cumprimento do Plan Estratéxido de Vías Provinciais 2030 da Deputación.

Carmela Silva incidiu en que está xa calendarizado e afrontarase con fondos propios, en contraposición ao plan recentemente anunciado pola Xunta para cambiar marquesiñas "que non é tan potente como este e cuxos recursos non proveñen da Xunta, senón que son aportados polo Goberno do Estado a través dos Next Generation", dixo. Ademais, criticou que "transfírenos cero euros ás deputacións e aos concellos, a pesar de que no noso caso temos 1.700 quilómetros de vías provinciais", polo que "o lóxico sería facer un plan conxunto", pero a Xunta "vai por libre", censurou a presidenta provincial.

Comentarios